Caderno de Verán

O verán de... Fina Casalderrey: "Úrxeme recuperar o contacto coa miña xente"

Fina Casalderrey
Entrevistamos a escritora no 'Caderno de Verán'

Unha escritora tan recoñecida a nivel galego como vostede colle vacacións durante o verán?

Antes de me xubilar como mestra, gran parte das vacacións eran para escribir con moitas ganas o que non podía durante o curso escolar. Agora son aínda menos disciplinada, quizais porque a vida é como un río que nos leva, como diría Casares, e non todo son remansos...

Nos momentos libres que ten para vostede, que lle gusta facer para ocupar o seu tempo?

Liberarme, realmente: lendo, descubrindo un lugar novo, conversando con amigos, saboreando un bo prato, desconectando de todo como unha máquina desenchufada...

E agora durante a época estival, que actividades adoita realizar?

Ségueme a gustar o mar, como cando era nova, o sol, xa non tanto... O verán é o tempo para compartir coas amigas, cos amigos, as comidas familiares debaixo dunha claudieira, ou dunha figueira, de ler aquel libro que deixaches pendente porque o queres saborear sen imposicións, o primeiro vai ser As malas mulleres de Marilar Aleixandre.

Ten algunha viaxe preparada para estas vacacións de verán?

Creo que vou botar man de Lezama Lima e pensar que “viaxar é apenas un movemento da imaxinación” e, en todo caso, coller o coche en boa compaña e tirar en calquera dirección, coa sensación de liberdade para detérmonos en calquera sitio, para pensar en grande nas pequenas cousas...

Cambiou a Covid algún plan que pensaba levar a cabo durante estas vacacións?

A Covid crebounos moitos plans... Neste intre o urxente para min é recuperar o contacto directo coa miña xente que é como recuperar o contacto co aire libre para respirar o mundo!

Podería recomendar un libro, unha película ou un lugar para desfrutar este verán?

Un libro para ler nunha tarde de verán, curto, pero delicioso:  El Baile de Irene Nemirovsky.

Unha película para remover conciencias: Nación de Margarita Ledo. Un lugar para visitar: Refuxio de Verdes, situado no Concello de Coristanco.