O verán de... Chicho 'Ortiga': "O verán é a época máis movida do ano"

O artista galego Ortiga, integrante tamén de Boyanka Kostova.
Entrevistamos o artista galego no Caderno de verán.

-Sen dúbida é un dos artistas que logrou máis éxito nestes últimos anos entre Ortiga e Boyanka Kostova. Como se desenvolveu este verán? Entendo que con moitos concertos.

Sen dúbida. O verán é a época de máis traballo, é cando teño máis bolos con moi pouco tempo para descansar entre cada un. O verán é a época máis movida do ano. Ademais agora vese que o mundo rabea por saír e desfrutar da música en directo, hai moita demanda.

-Aínda que teña moitas actuacións, algo de tempo libre sempre se pode sacar. Que lle gusta facer co seu?

A verdade, non sei que fago no meu tempo libre! Non teño moito realmente. Habitúo quedar coas miñas amizades para seguir tocando; en vez de música profesional, optamos por coller unhas guitarras e pasar o tempo na rúa. Nós pasámolo moi ben así. 

-Entendo que as viaxes deste verán están a ser case todas por traballo. Fará algunha por desfrute persoal?

Si, teño que moverme moito polo traballo. Este verán entre Menorca, Barcelona e Madrid non paro! Por ocio a verdade é que non creo que viaxe. Prefiro deixar de lado as escapadas por pracer durante unha tempada.

-Con respecto á Galiza, hai algún lugar que lle guste especialmente visitar?

Gústame bastante Pontevedra, a ría de Muros, o sur de Lugo... doulle prioridade ás cousas que se poden facer pola zona ou á xente coa que podo estar que o lugar en si. 

-Aínda que a situación debida á Covid semelle mellorar, continúa a pandemia a cambiar os seus plans?

Si, claro. Primeiramente porque non podo ter o modelo de vida que me gustaría. Ademais, tamén o vexo no coidado extremo que hai que ter ao saír da casa; non quero contaxiarme e ter que deixar de traballar meses.

-Podería recomendar algún grupo de música?

Para min hai dous artistas galegos que coido que fixeron os seus mellores traballos do que vai de ano. Un deles é Grande Amore, moi amigo meu. O outro artista é Puto Rumenian, un rapeiro moi noviño.