O verán chega na Mariña con feche de camas hospitalarias e redución de quirófanos

CIG-Saúde afirma que son 30 camas en total as que se deixarán de empregar no Hospital de Burela nestas semanas.

 

CIG-Saúde denuncia o peche de camas no Hospital da Mariña e a redución da actividade nos quirófanos durante o verán. Afirman que se vai proceder por Xerencia ao peche de 9 camas na unidade de hospitalización de Cirurxía e outras 9 na  de Traumatoloxía “ao que temos que sumar as 12 camas pechadas por obras, é dicir 30 camas en total”.

O sindicato nacionalista tamén denuncia publicamente a redución da actividade cirúrxica. "Soamente haberá dous quirófanos programados e un quirófano urxente ao día", afirman.

Estas medidas provocan, manteñen desde esta central, un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”.

“Outra das consecuencias será o aumento do traslado e ingreso de pacientes do Hospital de Burela a Lugo, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Xerencia nun Hospital que remata de ser ampliado”.

Ademais, CIG-Saúde denuncia que por mor do peche de camas producirase un recorte de persoal nas devanditas unidades de hospitalización, suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite (na que unha soa enfermeira e unha soa TCAE serán as responsábeis de prestar os coidados a 15 pacientes, e asumir as posibles urxencias e complicacións a maiores do traballo programado).