RECORTES

Un verán calquera na sanidade

Retrasos na expedición de citas, demoras excesivas nas salas de espera dos centros de saúde, profesionais saturadas e saturados… Estas son algunhas das consecuencias da política de substitucións do Sergas nos meses de verán e que son cuestionadas pola maioría de axentes que interveñen na atención primaria. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 307 de Sermos Galiza.

A falta de persoal médico é un clásico do verán galego. A ausencia de previsión da Xunta, unida a un sistema de cobertura de substitucións excesivamente ríxido, está a provocar auténticos colapsos na atención primaria, desde a asunción de cotas desorbitadas até unha caída na calidade do servizo por saturación e sobrecarga das e dos profesionais. As consecuencias son visíbeis: médicas e pediatras que realizan até 50 e 60 atencións médicas nunha xornada laboral, escaseza de tempo para dar unha asistencia apropiada e razoábel ou medidas de agrupamento de profesionais que afectan as persoas usuarias do servizo.

 

Entre os testemuños que revelan unha situación estresante para o profesional da sanidade hai casuísticas diversas. É o caso, por exemplo, das e dos médicos residentes. Un deles, que prefire permanecer no anonimato, explica en declaracións a Sermos Galiza que o seu contrato se renova anualmente. “A min non me afecta persoalmente”, confesa, “pero todos os días vexo compañeiras e compañeiros queimados por unha situación que lles está a xerar estrés persoal e emocional”.

 

Na área de Vigo, por exemplo, unha das máis conflitivas neste sentido, as listas de substitucións conteñen “situacións moi temporais, como que para cubrir unha baixa se empregan contratos de inicio e fin en troques de outorgar, como sería lóxico, a baixa completa; é dicir, fanse contratos por dous, tres, catro ou cinco días que se interrompen as fins de semana para volver contratar na segunda feira”.

 

As modalidades de contratación son tamén diversas, explica este residente. “Ofrécense paquetes de verán de 190 horas ao mes con cotas diferentes”, relata, “sen estabilidade e coa obriga de facer gardas as fins de semana baixo a indicación de que se non as fas, din, es o único e que non te debes negar”. Postos sen cubrir ou redución ao mínimo dos médicos de urxencias son outras das consecuencias da política restritiva que aplica o Sergas.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]