O verán de... Alba Cid: "Gústame fotografar como pretexto para observar"

A poeta Alba Cid (Foto: Loli Fernández).
Entrevistamos a poeta no 'Caderno de verán'.

Ten vacacións unha poeta? Puido descansar durante o verán?

Pois si. Este verán as vacacións chegaron como auga de maio. Participei nalgunhas actividades ligadas á poesía que, aínda que se presenten como eventos, tamén teñen moito de ocio. Non todo se reduce a recitar e compartir conversas, mostra disto foi o Rosalía en Camiño deste 2021.

E nese tempo libre tan necesitado, que actividades lle gusta realizar?

Teño ganas de fotografar. É algo que sempre fixen de maneira afeccionada e que desfruto moito. A miña maneira de fotografar sempre é un pretexto para observar. Tamén adoito escribir e vagabundear polos museos. Para min a arte é unha especie de saber perderse e de ter a enerxía suficiente para manter os sentidos espertos. Polo demais, reparto o tempo entre o meu triángulo máxico actual: unha aldea próxima a Celanova, o lugar da familia; o meu Ourense cidade e Compostela.

Un lugar importante para min é o inicio da Ribeira Sacra. É unha ruta que sempre fago coa familia nalgún punto do ano. Aínda que sexa unha persoa de interior, os lugares con auga gústanme ben, e diría que esta é unha das paisaxes máis queridas. 

Continúa a Covid-19 a mudar os seus plans?

Un pouco, si. Confeso que tiña ganas de viaxar. Desde a adolescencia viaxei moito de maneira autónoma e bótoo de menos. Teño a sensación de que os traxectos me permiten observar e pensar dun modo diferente. Se ben si fixen algunha escapada a Xixón ou Barcelona aos festivais de poesía, a forma de encarar unha viaxe nesta situación é moi diferente. Vou privilexiar esa outra arte dos paseos polos lugares próximos. 

Podería recomendar algún libro ou grupo de música para o que queda de verán? 

Recomendo ler Os aneis de Saturno, de Sebald, unha viaxe a pé por un dos condados da costa leste de Inglaterra. Gústame moito o proceder do autor; tamén a súa maneira de observar, adoro como sabe calibrar os vestixios, os pequenos detalles que temos diante e que nos poden remitir a un pasado vivo. É un libro que require calma. Con respecto á música, estou escoitando moito a Laura Lamontagne e Pico Amperio. Encántame a súa maneira de mesturar referentes.