O vento supera o 105 km/h en Cedeira e os 101 en Viveiro

Viveiro, na Mariña

O 'tren de borrascas' provocada polo chorro polar, que circula a latitudes máis baixas do normal e deixará ventos de máis de 80 quilómetros por hora, ondas de catro metros e choivas intensas na Galiza, deixou nas primeiras horas desta cuarta feira ventos de máis de 105 quilómetros por hora en Cedeira  e 101 en Viveiro.

Segundo os rexistros publicados por Meteogalicia até as 10,30 horas desta cuarta, recollidos por Europa Press, os refachos de intensidade máxima das primeiras horas corresponderon a localidades con altitude menor de 900 metros.

En concreto, rexistráronse 105,4 quilómetros por hora ás 3,10 horas en Cedeira e 101,5 km/h ás 7,10 horas en Viveiro; mentres que en Vimianzo o vento alcanzou 92,5 km/h e 89,8 en Arteixo.

No que respecta á zona de montaña, o vento alcanzou refachos de 97,1 quilómetros por hora en Muras e 68,7 km/h en Cervantes.

En canto ás choivas até as 10,30 horas, deixaron cantidades acumuladas de 41,2 litros por metro cadrado en Lousame; 29 en Val do Dubra; e 26,8 en Santa Comba, todas elas localidades coruñesas.