#VenresNegroTVG: Persoal da TVG concéntrase na defensa da independencia dos medios públicos e contra a manipulación

Imaxe vía @xoanxegunde

Traballadoras e traballadores da TVG concentráronse esta sexta feira na entrada principal á CRTVG vestidos de negro para demandar a independencia dos medios públicos e denunciar a censura e manipulación. Un protesto no que tamén se pide o Consello de Informativos para a CRTVG, unha demanda de vello do persoal desa casa para garantir a independencia e pluralidade.

 

O persoal da CRTVG colle así o testemuño que traballadoras e traballadores de TVE levan protagonizando nestas semanas co HT #ViernesNegroTVE e no que se denuncia a manipulación na cadea pública española.

 

“Na TVG ocúltase a parte da realidade de Galiza que non satisfai a egolatría do goberno”. Isto denunciaba en 2017 nunha entrevista neste medio Luis Quintas, xornalista da TVG que pediu amparo ao comité de empresa ao retirarse dunha noticia que el elaborou aquelas partes críticas coa Xunta. En outubro dese mesmo ano, 2017, unha traballadora da CRTVG foi obrigada a omitir en directo unha noticia negativa para o PP. O Comité de empresa avalaba a denuncia de manipulación informativa apresentada por unha redactora en contrato de prácticas da Radio Galega.

 

Son dous exemplos das denuncias de manipulación que se fan  desde os propios profesionais que traballan na CRTVG.