O marisqueo a pé da ría de Pontevedra tamén pide axuda

Mariscadoras da ría de Pontevedra retiraron miles de quilos de ameixa morta en novembro. (Foto: Mireya M. Rodríguez).
Convoca unha mobilización co apoio da Asociación en Defensa da Ría

Mariscadoras a pé da ría de Pontevedra manifestaranse a vindeira terza feira, 30 de abril, para reclamar a rexeneración dos areais, ademais de axudas "dignas" que garantan a subsistencia das familias durante os meses de paro forzoso, ampliado até xullo.

Baixo o lema "SOS marisqueo a pé", mariscadoras da ría de Pontevedra chaman á mobilización do sector polas rúas da cidade nunha marcha "pola dignidade laboral". A manifestación, convocada pola agrupación de mariscadoras a pé da confraría de San Telmo de Pontevedra, partirá ás 11.15 horas do 30 abril do edificio administrativo da Xunta da Galiza para finalizar na Subdelegación do Goberno, dous escenarios nos que as convocantes permanecerán concentradas antes e despois do percorrido para dar conta da súas reivindicacións. Así, urxen a un maior compromiso por parte das Administracións, "un compromiso real" que veñen demandando xa desde primeiros de ano. 
Foi entón cando iniciaron un paro obrigado polas deficientes condicións dos bancos marisqueiros. "En novembro rexistramos unha mortaldade  enorme e, malia non deixar de traballar pola recuperación dos areais, hoxe non temos nada", explica a Nós Diario Raquel Gómez, presidenta das mariscadoras a pé de San Telmo.

As rías galegas producen menos, castigadas polo cambio climático e a contaminación das augas, "e malia que desde a Xunta sempre se procurou unha xestión sostíbel dos recursos, agora sentímonos un pouco abandonadas. Parece que somos as únicas ás que lle importa e que poñemos en valor as nosas rías".

Bancos fechados

Após unha campaña de Nadal reducida, as mariscadoras manteñen un cesamento da actividade que se vén de estender outros tres meses, até xullo, ante os informes negativos das biólogas e biólogos. "Imos parar seis meses sen gañar nada, pero pagando o seguro e todos os recibos da vida diaria". Por iso, piden a implicación das Administracións, ás que reclaman axudas directas, a flexibilización temporal das obrigas fiscais e un plan de continxencias "fiábel" que ofreza garantías a todas as mariscadoras, nomeadamente ás que non xuntan 120 días traballados nos últimos dous anos e non teñen acceso ás axudas derivadas do Fondo europeo marítimo, de pesca e acuicultura (Fempa).

Na zona do Ameixal, en Lourido, e da Seca, en Combarro (Poio), traballaban antes do outono unhas 300 mariscadoras, no marco dun plan conxunto das confrarías de San Telmo, Raxó e Lourizán. "Tiñamos as praias moi traballadas e con boa ameixa", destaca Gómez, dedicada agora a traballos de rareo, limpeza ou traslado de cría para a rexeneración dos bancos.

Apoio da APDR

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra manifestou onte o seu apoio á manifestación. "O futuro da ría está en risco e camiña cara á desaparición dun sector que debera ser motor económico e non subsistir só a base de axudas", sinala a este medio o seu presidente, Antón Masa. "A calidade das augas está diminuíndo, sobre todo pola contaminación de verteduras urbanas e industriais, como as de Ence, sen control nin saneamento. As mellores especies foron desaparecendo para seren substituídas por outras, como a ameixa xapónica", conclúe.