Un proceso iniciado en 1995 polo Goberno de Fraga

A venda da sanidade galega

[Imaxe: Xunta]

A comercialización da sanidade galega mantense a velocidade de cruceiro. A externalización de servizos, os concertos económicos ou o financiamento público-privado constrúen un modelo sanitario cuxa primeira pedra púxoa Manuel Fraga en 1995 e que se nutre do desvío de inxentes cantidades de diñeiro público. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 317 de Sermos Galiza.

Povisa debe ser o único hospital privado que ten poboación asignada”. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, incide nunha anomalía que alarga Manuel G. Moreira, médico, cando nos lembra que a construción do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, para alén de facerse en base a un polémico financiamento público-privado, realizouse ‘respectando’ que esas 137.000 persoas continuasen adscritas a Povisa e non pasasen a seren integradas no novo complexo. O maior hospital privado no Estado español, que se converteu en indispensábel para que non colapse a maior área sanitaria de Galiza, solicitou preconcurso de acredores. Unha noticia que é tamén unha oportunidade para se preguntar que pasa cun sistema sanitario, o galego, que depende da saúde dun centro privado.


Galiza foi, con Valencia, un banco de probas das políticas neoliberais do PP para a sanidade. O primeiro paso deste proceso aconteceu en 1995, coa Fundación Hospital de Verín. Era conselleiro de Sanidade Romay Beccaría e tiña como man dereita Alberto Núñez Feixoo, daquela secretario xeral da Consellaría. Case un cuarto de século despois, a comercialización da sanidade galega acada uns niveis que hai tempo que sobrepasaron o de preocupantes. O retorno do PP á Xunta, con Feixoo á cabeza, impulsou un modelo sanitaria baseado nos concertos económicos, a externalización de servizos, os recortes en persoal e investimentos ou a aposta no financiamento público-privado. Este último, cun claro exemplo no novo hospital de Vigo, en funcionamento desde setembro de 2015.As denuncias e queixas acumuladas por este hospital darían para varias reportaxes. Iso si, a empresa concesionaria gañou desde a apertura e até finais de 2017 máis de 5 millóns de euros.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]