Vence asegura que o peche de camas é unha operación de “acoso á Sanidade pública”

O BNG, en defensa da Sanidade pública.

O líder do BNG participou nunha manifestación en Vigo contra o abandono de 1.200 prazas de hospital no verán, durante a que acusou ao PP de “insultar aos doentes, de xeito especial aos que están en listas de espera, para abrirlle as portas á sanidade privada”.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou na manifestación celebrada en Vigo na que se reuniron centos de persoas a favor da sanidade pública, universal e gratuíta convocadas polas organizacións sindicais e por diversos colectivos socias, nesta ocasión cunha protesta centrada no peche de 1.200 camas hospitalarias durante catro meses decretado pola Xunta.

“Esta medida resulta un insulto a tod@s @s doentes e moi en particular @s que están en listas de espera -38.000 segundo os datos oficiais, 60.000 segundo os sindicatos- aos que agora se lles comunica o peche de camas, unha nova medida de Feijóo na súa estratexia de acoso e derribo á sanidade pública”, denuncia Vence.

Centos saíron a rúa en defensa da sanidade pública e contra unha medida que pode incrementar as listas de espera, tamén para doenzas graves

O líder nacionalista agoira que este peche, que o Bloque considera o maior até agora polo número de camas afectadas e pola duración, “provocará un incremento das listas de espera, tamén en quirófanos, vai empeorar o servizo sanitario e vai favorecer á sanidade privada porque sen dúbida unha parte d@s doentes serán desviad@s a hospitais privados, o que incrementará o custe a cambio dun peor servizo”.

O BNG, subliñou o seu portavoz nacional, considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade nos hospitais públicos: “Non hai ningunha xustificación para esta redución, que só ten como motivación o empeño de Núñez Feijóo de ir debilitando o sistema sanitario público para abrirlle as portas á sanidade privada”.