As velutinas "invaden" unha farmacia de Compostela

Farmacia do Castiñeiriño, Santiago de Compostela.
Unha farmacia de Compostela denuncia unha invasión de velutinas no seu estabelecemento. Descoñecen onde teñen o niño, o que impide que os servizos especializados da Xunta da Galiza interveñan.

A propietaria da farmacia do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela, denuncia "unha invasión de velutinas" que pon en risco as usuarias do seu estabelecemento e a atención continuada ao público. "Estamos dedicadas a matar avespas", asegura María José García.

"A semana pasada detectamos a presenza dalgún exemplar, mais pensamos que se trataba dun feito puntual. Onte o problema agravouse. Xa non podemos ter a porta aberta porque non deixan de entrar. Mesmo tivemos que fechar a farmacia un anaco despois de que unha persoa maior se asustase ao sentirse atacada".

Desde o botica manteñen que non poden garantir o seu servizo nestas condicións. "Onte chamei ao 012 e dixéronme que mentres non localicemos o niño de velutinas, eles non poden facer nada, porque así o estabelece o protocolo", afirma María José García, "pero aquí está en xogo a seguidade e a saúde das persoas que necesitan a nosa asistencia, sen que ninguén nos dea unha solución", censura.