Velaluz retoma a folga de fame após a Audiencia Provincial da Coruña sobreser 5 casos de violencia machista

As mulleres que denunciaron aparecen nun vídeo difundido pola propia organización para denuncias que o xulgado de violencia de xénero da cidade herculina paraliza o 31% dos procesos. Interpretan o sobresemento como "unha clara represalia".



Cinco dos casos que aparecen narrados neste vídeo ficaron paralizados "por falta de probas". Denúnciao a asociación Velaluz, quen interpretou a decisión da Audiencia Provincial da Coruña de sobreser estas causas como "unha clara represalia" contra as mulleres que contaron o seu testemuño durante a folga de fame que iniciaron en outubro e que durou un mes. Como mostra de rexeitamento contra a paralización destes procesos, 8 mulleres retomarán a vixilia o vindeiro 9 de decembro.

Segundo explica Velaluz nun comunicado, a decisión da sección 1 da Audiencia Provincial foilles comunicada "en bloque" ás cinco denunciantes o 27 de novembro, "dous días despois do Día internacional contra a violencia de xénero", destaca o colectivo. Enfatizan que as afectadas por este sobresemento son cinco das dez mulleres que fixeron parte da primeira folga de fame e explicaron no documento audiovisual a situación de violencia machista que tiveron que enfrontar. 

"Denunciaron xustamente a tibia actuación da fiscalía do xulgado de violencia de xénero da Coruña, onde se arquivan o 31% das denuncias", sinala Velaluz. Cualifican a resolución xudicial de "maltrato institucional" e enfatizan que tal proceder por parte do tribunal o que fomenta é "a non denuncia".

Máis recursos e protección para as crianzas

Para alén do sinalado, Velaluz aproveitará o xaxún para denunciar a situación de "desprotección" en que se atopan as crianzas que conviven co agresor e coa agredida, así como para reclamaren medidas que rachen co que consideran unha "aberrante normalidade": que se lle conceda a custodia a homes denunciados ou condenados por malos tratos.

Por derradeiro, revólvense tamén contra o que denominan "negocio da violencia de xénero" e que pasaría por destinar a meirande parte do orzamento que se destina a combater a violencia machista e educar na prevención "a campañas publicitarias para maquillar a realidade".