Enchen unha praza de lápidas, unha por cada muller asasinada na Galiza nos últimos 10 anos

Baixo o lema Rachemos o silencio, a asociación contra o terrorismo machista Vela-luz convoca un encerro de catro días en contra do silenciamento desta forma de violencia que leva matado xa 15 mulleres no que vai de ano, unha delas en Lugo. Haberá varias accións de repulsa, todas na cidade da Coruña


15 mulleres asasinadas no que vai de ano en todo o Estado español polo terrorismo machista, unha delas, Helena, en Lugo. Nos últimos dez anos foron 47 as mortas que deixou esta forma de violencia que se ceba coas mulleres polo feito de sermos mulleres.

Cada unha das asasinadas terá unha lápida instalada na praza Campo de Marte durante unhas horas. É unha parte da acción de repulsa convocada pola asociación Vela-luz e que se desenvolverá entre os días 4 e 8 de abril na cidade da Coruña.

Outras tantas mulleres, 47, que fan parte deste colectivo que agrupa a quen sufriu a violencia machista en carne propia, daranlles voz ás que non estarán na rúa porque foron asasinadas. A actividade realizarase na quinta feira ás 11 da mañá.

Catro días de peche contra o silencio

Ao remate comezará o encerro. Un peche no local da asociación de veciñ@s de Montealto que se prolongará até o día 8 de abril e ten por obxectivo denunciar o silenciamento da violencia machista na imprensa, o tratamento que esta recibe e a invisibilización das consecuencias que aquela ten para as persoas menores de idade, fill@s das mulleres maltratadas.

"Queremos visibilizar con documentos e con testemuños a desprotección que están a vivir as mulleres que, canda os seus fillos, pretenden salir desta lacra", sinala Vela-luz nun comunicado enviado aos medios. 

"Cando as mulleres saen do maltrato van dar co maltrato institucional"

Exixen a aplicación efectiva da Lei integral contra a violencia de xénero, o endurecemento da lexislación para porlle freo ao terrorismo machista e que a proposta do titular de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, de eliminar este tipo penal non vaia adiante. Acrecentan que "o sistema polo que se canalizan as denuncias de violencia non ofrece garantías pola intoxicación do circuíto e pola aplicación de ideoloxías por riba das propias leis".

Así as cousas, na sexta feira, día 5, e sen abandonar o peche, Vela-luz analizará a baixada de denuncias e das ordes de protección que se ditan na Galiza e que a asociación leva tempo denunciando. "Após saír dun maltrato, as mulleres van dar co maltrato institucional", subliña con dureza este colectivo, que carga contra un "negocio" que move "montañas de cartos" baixo unha "protección irreal" que somete as mulleres "á máis absoluta pobreza e indefensión" namentres empodera o maltratador. As actividades continuarán durante a fin de semana e a acción de repulsa culminará na segunda feira, día 8, cunha concentración ás 12 do mediodía perante o edificio do Tribunal superior de xustiza.