Unha vintena de operarias de PSA Citröen feridas tras envorcar o autobús no que viaxaban

Imaxe de arquivo de xente traballando na planta da factoría. (Foto: PSA / Europa Press)
O sinistro produciuse na noite de onte cando un cabalo invadiu a calzada. O conductor do autocar quixo esquivalo pero non foi posíbel e o atropelo provocou a perda de control do vehículo.

Unha vintena de traballadoras e traballadores de PSA Citröen resultaron feridas a última hora deste terza feira nun accidente de tráfico sufrido por un autobús que os trasladaba aos seus domicilios e que envorcou ao seu paso pola localidade de Oia.

Segundo os servizos de  emerxencias, o accidente tivo lugar pouco antes das 23.00 horas, no quilómetro 26 da estrada PO-552, que une Vigo coa Guarda, concretamente ao seu paso pola parroquia de Mougás.

O sinistro orixinouse por un cabalo que invadiu a calzada. O condutor do autobús, da empresa ATSA, tratou de esquivalo pero non tivo éxito, e terminou atropelándoo, o que provocou que o vehículo envorcase.

No autobús viaxaban unha trintena de traballadores da factoría viguesa, que volvían aos seus domicilios tras terminar a xornada laboral. Segundo a información do 112-Galicia, a maioría dos pasaxeiros lograron saír polo cristal traseiro do vehículo polo seu propio pé, polo que non foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Baixo Miño, que foran alertados tras o accidente.

Até a zona desprazáronse a Garda Civil e efectivos do GES da Guarda e de Val Miñor, co obxectivo de garantir a seguridade na zona. A circulación nese punto da estrada mantívose cortada até esta mañá.

A maior parte dos feridos, os máis leves, foron trasladados nun autocar da mesma compañía até o centro hospitalario de referencia, mentres que os que presentaban lesións de máis consideración, un total de sete, foron en ambulancias até distintos hospitais.