XOSé LOIS GONZáLEZ, “O CARRABOUXO”

“A da veciñanza de San Xurxo de Sacos pola carballeira foi unha loita cósmica”

Xosé Lois

Cúmprense vintecinco anos do trunfo da veciñanza de San Xurxo de Sacos na loita que mantiñan contra a igrexa pola defensa da carballeira de San Xusto. Un crego cun carballo o lombo foi a imaxe daquela loita veciñal. O seu autor é Xosé Lois, Carrabouxo, a quen este 27 de xuño lle tributan unha homenaxe nunha xornada de conmemoración que se prolonga durante todo o día. Publicamos tamén un artigo de Claudio Lopes Garrido sobre aquela histórica loita veciñal. 

 

-En San Xurxo de Sacos conmemórase o 25 aniversario da loita pola defensa da carballeira de San Xusto e deciden homenaxealo a vostede, cal foi a súa participación?

Pedíranme un debuxo para ilustrar aquela loita veciñal de recuperar a carballeira que a igrexa rexistrara. Eu debuxei un crego correndo cun carballo ao longo e durante os seis anos que duraron as mobilizacións reproduciuse en moitísimos soportes. Foi o debuxo meu máis reproducido durante toda a vida. Fixeron moitos festivais, actos e demais eventos para recadar fondos e ir pagando os avogados e o merchandising sempre levaba o crego co carballo. Foron seis anos de loita xudicial e social no que o pobo gañaba xuízos mais a igrexa recorría co cal había que recadar fondos a forza de vender de todo. O debuxo apareceu en camisetas, colantes, chisqueiros, mandís, cartaces, panos do pescozo, bolsas, gorras, botellas de viño... como eu digo, até se encarnou... no entroido ían veciños a Pontevedra vestidos de cregos co carballo ao lombo. Tamén fixen algunhas coplas. Foi moita a xente que colaborou, algunha xa morta como Suso Vaamonde, Manuel María, Avilés de Taramancos, Picho Suárez... Aproveitaban as festas do San Xoán ou San Xusto para levar tamén alí a súa reivindicación. Eu até cantei subido ao palco con Suso Vaamonde. 

-Simbolicamente, o crego co carballo ao lombo tiña moita forza... 

A igrexa rexistrara a carballeira en base a unha presunta legalidade que aínda hoxe defenden, e de aí vén o conflito que hai agora coa Mezquita de Córdoba. Mais os veciños saben de lei máis que calquera. Foi unha loita moi simbólica. Este día, que tamén se fai o aniversario da República alega podería ser símbolo de que Galiza ten que ser e pode ser dona de si mesma, contra a imaxe da Galiza sempre entregada, que todo o mundo quere ofrecer, se non é a Santiago, é ao Santísimo Sacramento... Foi unha loita admirábel, na que se mostraba a solidariedade de moita xente e que durou até a vitoria final no Tribunal Supremo, porque a igrexa, a que non paga o IBI, tiña cartos abondo para recorrer até o final. 

-A veciñanza faille agora unha homenaxe, que significa para voste

de?

Deume unha gran alegría mais no meu discurso vou dicir que acepto a homenaxe que me fan como testiño do que alí pasou, e, dalgunha maneira, entendo que llo dan ás voces que apoiaron ese movemento, se non non ten sentido que me fagan a homenaxe só a min. O debuxo gustara e, naquela época na que aínda quedaban restos do tardofranquismo debuxar un crego roubando era irreverente, no meu caso espertou as miñas teimas contra a igrexa, que andaban algo ocultas. 

-Contribuír a loitas como a do pobo pola carballeira de San Xusto é obriga dunha persoa que, como vostede se dedica á arte, á literatura ou á música?

Eu levo toda a vida con esa idea e axudo sempre que podo, contribuíndo aos movementos sociais e a loitas por causas xustas. A xente que estamos na comunicación, sexa do tipo que sexa, se estamos concienciados de que hai que ser solidarios é normal que axudemos. Naquel momento, en San Xurxo, nese sentido foi todo precioso. A carballeira de San Xusto é mítica xa por dúas razóns, a primeira pola cantiga tradicional do veciño que perdera alí a navalla e logo pola loita veciñal que a converteu en referencia mesmo fora de Galiza. O propio Avilés de Taramancos, dáballe unha volta á cantiga e recitaba, con aquela voz rexa, “carballeira de San Xusto, ao pé do teu carballo , plantei a miña palabra”. Suso Vaamonde cantaba, pola súa parte, unha canción extraordinaria nos actos da carballeira. Aquela foi unha loita cósmica no que se reclamaba que o único dono tiña que ser o pobo. Na miña intervención vou falar dos que axudaron na loita da reconquista da carballeira e morreron. Naquel momento, todos era un, unha unión mo grandes e, mesmo ser contra a igrexa, alí estaba xente católica con ateos... a reivindicación da carballeira para o pobo era o principal obxectivo.