Xustiza

Un veciño de Ribeira, condenado por posesión e distribución de pornografía infantil evita entrar en prisión

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
Segundo recollía o escrito de Fiscalía e quedou fixado na vista, o acusado posuía e visualizaba "unha gran cantidade de arquivos" -máis de 800, entre fotos e vídeos- que ademais distribuía con outros usuarios da rede a través do programa 'emule'.

Un veciño de Ribeira (O Barbanza) acusado de posesión e distribución de pornografía infantil aceptou dous anos de cárcere na vista de conformidade celebrada esta cuarta feira. Por tanto, a pena privativa de liberdade queda suspendida e non entrará a prisión, co compromiso de someterse a tratamento psicolóxico.

As partes chegaron a un acordo nunha vista celebrada na Sección Sexta da Audiencia da Coruña, con sede en Santiago de Compostela. O home será condenado por un delito de prostitución e corrupción de menores (artigo 189.1.b do Código penal), aínda que a Fiscalía solicitaba inicialmente unha pena de oito anos e medio.

En concreto, defensa e Ministerio Público acordaron retirar do relato de feitos un parágrafo que incidía nunha maior gravidade do contido pornográfico incautado, polo que a pena quedará fixada en dous anos.

Neste contexto, os maxistrados da Audiencia suspenderon a privación de liberdade a condición de que non cometa delitos en cinco anos e de someterse a tratamento psicolóxico, do cal informará ao tribunal cunha periodicidade de seis meses. Tamén será inhabilitado para oficios e actividades con menores durante cinco anos.

Segundo recollía o escrito de Fiscalía e quedou fixado na vista, o acusado posuía e visualizaba "unha gran cantidade de arquivos" -máis de 800, entre fotos e vídeos- que ademais distribuía con outros usuarios da rede a través do programa 'emule'.

Investigación

Durante a investigación, descubriuse a distribución deste contido a través de Internet, o cal foi constatado nun rexistro no domicilio do acusado en febreiro de 2020.

Entón, fóronlle incautados varios equipos informáticos, entre eles un computador, nos cales almacenaba estes arquivos.