Un veciño do Saviñao non pode incorporarse a traballar após meses agardando unha operación

Hospital comarcal de Monforte de Lemos (Foto: Concello de Monforte de Lemos).
O afectado xa pasou todas as consultas médicas necesarias, así como o preoperatorio e asinou as autorizacións pertinentes no mes de xullo mais segue a agardar unha operación que precisa para poder incorporarse ao seu posto de traballo no sector da construción.

Un home, veciño do concello do Saviñao vén reclamando desde hai meses, poder ser operado no hospital comarcal de Monforte de Lemos dunha hernia inguinal após un ano continuado de molestias.

O afectado, Juan Rodríguez, xa pasou todas as consultas médicas necesarias así como o preoperatorio e asinou as autorizacións pertinentes no mes de xullo mais segue a agardar unha operación que precisa para poder incorporarse ao seu posto de traballo no sector da construción.

O propio Juan Rodríguez atendeu Nós Diario para tratar a súa situación.

"Comecei a sentir dor e molestias hai cousa dun ano e xa supuña que tiña unha hernia, algo que me impedía realizar o meu traballo ben", asevera ao tempo que indica que "cando cursei a baixa médica foi todo moi rápido, mais desde xullo está todo parado".

Rodríguez teme ademais que as probas e o postoperatorio que realizou caduquen e as teña que volver repetir se non o operan no futuro máis inmediato.

Desmantelamento da sanidade pública

O propio Rodríguez cre que esta tardanza responde ao "desmantelamento da saidade pública que están levando a cabo desde a Xunta da Galiza".

"Os profesionais da sanidade levan moitas veces a culpa e non a teñen, isto é culpa de quen manda", acrecenta ao tempo que indica que "ao Goberno da Xunta non lle interesa ter unha sanidade pública de calidade".