Veciñanza de Vigo recada fondos para denunciar o ruído polas festas do Nadal: "Incumpren a normativa"

Centos de persoas acoden cada día a Vigo a conta do alumeado do Nadal. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
10.000 euros precisan as veciñas e veciños da zona centro da cidade para recorrer ás vías administrativa e xudicial.

A Agrupación de Veciños da Zona Centro de Vigo reuniu até o momento perto de 2.000 euros a través dunha campaña de recadación na plataforma GoFundMe, para denunciar o ruído xerado polo "parque de atraccións" e o mercado instalados na cidade durante o Nadal.

Os afectados, que xa iniciaran unha recollida de sinaturas en Change.org coa que pedían ao Concello "que poña fin á montaxe e patrocinio desta actividade no medio das rúas do centro", decidiron pasar agora á vía administrativa.

Para isto, fan un chamamento á participación cidadá, xa que precisan reunir un orzamento de 10.000 euros para contratar un avogado experto na materia, realizar cando menos dez medicións de ruído por parte dunha empresa especializada e crear un informe gráfico e visual que reflicta a situación "atroz" que aseguran estar a vivir.

"Os niveis de ruído incumpren as normativas legais", afirma a veciñanza

"Esta actividade comercial promovida polo Concello atenta directamente contra a inviolabilidade do noso domicilio, descanso, seguridade, saúde, protección do medio ambiente, etc. Todos eles son dereitos fundamentais dos que alí vivimos ou traballamos", sinala o grupo.

Ao mesmo tempo, segundo as declaracións da comunidade, os niveis de ruído destas instalacións "incumpren" a normativa legal europea, estatal, galega e do propio concello.

Deste modo, pretenden iniciar medidas "de forma inmediata" pola vía administrativa contra o consistorio municipal porque, engaden, "é necesario esgotar esta vía antes de iniciar a vía xudicial se o Concello non rectifica na súa postura".