Veciñanza de Vigo denuncia doce anos de acoso da Sareb

Das corenta e dúas vivendas da urbanización, só seis permanecen habitadas. (Foto: Mariano Igrexas)
Residentes da rúa Privada Moderna exixen dereito a unha vivenda digna.

No barrio do Calvario da cidade de Vigo atópase a rúa Privada Moderna. Alí existe un bloque de 42 vivendas, das que apenas seis están ocupadas –e desde hai décadas– por varios inquilinos e inquilinas cun contrato de arrendamento vitalicio baixo rendas antigas. Estas vivendas forman parte na actualidade dos activos da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, filial da Sareb, sociedade na que participa de maneira maioritaria o Estado español.

A Sareb leva seis anos presionando as veciñas e veciños que aínda residen na Privada Moderna co obxectivo de forzar a súa expulsión das vivendas. Un "acoso inmobiliario", denuncian os residentes, exercido por unha sociedade con participación maioritaria pública do Estado que se manifesta na negativa reiterada a acometer as obras de reforma necesarias nunhas edificacións de perto de cen anos de antigüidade e que presentan cuantiosos danos e deficiencias.

Entre eles, problemas nos tellados que provocan humidades e filtracións nas vivendas, especialmente nos días de mal tempo, sinala a Nós Diario Mariano Igrexas, veciño da rúa Privada Moderna, afectado polo acoso inmobiliario. "Os defectos existentes nos inmóbeis condicionan a saúde da veciñanza e supoñen un risco para o conxunto da cidade", afirma.

O arranxo dos edificios está ordenado por mandato xudicial desde 2017. Unha sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo neste mes deu a razón á veciñanza. Así e todo, lonxe de responsabilizarse –como propietaria– da adecuación dos inmóbeis para garantir a habitabilidade dos mesmos, as únicas actuacións emprendidas pola Sareb son de desmantelamento interior das zonas comúns dos propios edificios coa pretensión, din os veciños, de forzar unha declaración de ruína que permita a súa expulsión e a promoción de novas edificacións nun ámbito de grande interese urbanístico como é o barrio vigués do Calvario.

"De costas á veciñanza"

Até o de agora, ningunha Administración pública se responsabilizou de prestar axuda a estes veciños e veciñas, que demandan que a Sareb "arranxe vivendas que son da súa propiedade" e deixe de comportarse como un fondo voitre (o verán pasado subcontratou os seus servizos a diferentes fondos de investimento, entre eles Blackstone e KKS).

En canto ao Concello de Vigo, "sempre dá respostas dilatorias, sendo colaborador necesario nesta práctica de acoso inmobiliario por omisión". O único que fixo "foi pór á Sareb dúas sancións de escasos 2.000 euros", sinala Mariano Igrexas a este xornal. A actuación subsidiaria por parte do Concello semella a única solución para unha veciñanza que demanda que se garanta o seu dereito a unha vivenda digna.

Unha rúa centenaria

A urbanización da rúa Privada Moderna foi levantada a comezos do século XX, vivindo, de sempre, "un ambiente moi familiar". Nos anos 2000, coa burbulla inmobiliaria, aparece a intención de levar a cabo unha nova promoción. Neste momento comezan a baleirarse as primeiras vivendas da rúa.

Após a crise de 2008, a Sareb  faise cos inmóbeis situados na Privada Moderna. É aí, en 2012, cando comeza o acoso inmobiliario ao ofrecer o banco malo cantidades ínfimas á veciñanza para que abandone as vivendas. Con este obxectivo, a Sareb solicitou en 2017 unha declaración de ruína que foi denegada polos xulgados e desmentida polo Concello de Vigo, pois "as vivendas non están en ruína, senón en todo caso, abandonadas", sinala Mariano Igrexas.