A veciñanza de Varilongo advirte que as drenaxes ácidas da mina de Santa Comba se intensifican

Drenaxes da mina de Santa Comba. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

As canalizacións denunciadas hai unhas semanas, sen autorización do concello, quedaron obsoletas ante o enorme caudal de residuos evacuados e a compañía mineira instalou un novo sistema.

A veciñanza de Varilongo (Santa Comba) denunciou esta fin de semana a través das redes que continúan as drenaxes ácidas da mina Carme, a través do filón Carballeira. Así, o grupo mineiro que ostenta a concesión continúa coa operación de baleirado de residuos industriais anunciado no seu informe de viabilidade.

Xa a comezos de mes o propio Concello de Santa Comba solicitaba un expediente de reposición da legalidade urbanística contra a empresa Galicia Tin&Tungsten S.L., a concesionaria da mina de Varilongo de Santa Comba da que se extraeu volframio até 1985.

A compañía, a súa vez propiedade da australiana Rafaella Resources, levou a cabo obras sobre unha vía pública sen contar coa preceptiva licenza municipal.

Segundo a veciñanza, estas canalizacións de drenaxe denunciadas hai unhas semanas quedaron obsoletas ante o enorme caudal de residuos evacuados e a compañía mineira instalou un novo sistema.

A veciñanza propietaria dos terreos xa rexistrou queixa no concello por estas novas verteduras que anegan as súas leiras.

O informe de viabilidade da explotación de Varilongo, que controla a australiana Rafaella Resources, expón as intencións de traballar nunha megamina a ceo aberto que esgotaría o xacemento en cinco anos de explotación intensiva.

Malia que o proxecto foi aprobado en 2011, sen avaliación de impacto ambiental, daquela era para unha mina subterránea.

Explotación intensiva

A operación funcionaría durante as 24 horas do día 7 días á semana, con voaduras ao longo da noite, o que o propio informe considera que pode ser un problema coa veciñanza por mor do ruído, denunciaba esta mesma semana Ecoloxistas en Acción, logo de ter acceso ao documento.

Ademais do gran cráter, que sería “restaurado” no sexto ano cun lago ácido, o proxecto contempla a formación dunha balsa de lodos de 20 hectáreas directamente encima da Braña Ancha, unha das tributarias do río Xallas, e dúas escombreiras de 35 e 10 hectáreas.

Estas instalacións de residuos implicarían a ocupación permanente dunhas 3.000 parcelas rústicas nas parroquias de Grixoa e San Salvador, en Santa Comba, e na de Cuns, en Coristanco.

O plan da empresa é iniciar a explotación de inmediato, operando durante os primeiros tres anos baixo a denominación Canteira da Mina, que Ecoloxistas en Acción cualifica de tapadeira, pois “apenas conta cunha autorización de aproveitamento de áridos, pero procesando o material extraído”.

Ecoloxistas en Acción denuncia que esta “manobra ilegal, coñecida polas Administracións”, permitiría á empresa iniciar a explotación a ceo aberto de estaño e volframio en 2021, sen someter a actividade á avaliación de impacto ambiental, que, segundo a empresa, só sería necesaria para a segunda fase, de cinco anos, cando a Canteira da Mina desapareza por completo.

Drenaxes

O informe, que contou cunha asesoría do grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña, recoñece que na actualidade a mina está sendo desaugada por gravidade a través da galería transversal Carballeira, tal e como levan denunciando dous meses grupos ecoloxistas e veciñais.

O propio texto admite que as actuais verteduras realizadas pola galería de desaugue Carballeira non están contempladas no proxecto de explotación aprobado en 2011. “A pesar das numerosas denuncias presentadas ante a Xunta, Concello e Seprona, desde novembro lévanse vertido máis de 10 millóns de litros de augas contaminadas”, denuncia Ecoloxistas en Acción.

Varios colectivos temen que “tanto empresa como Administracións pretendan aproveitar a crise da Covid-19 para minimizar a oposición social”

A asociación Petón do Lobo xa advertía do risco destes vertidos a finais de outubro. Esas augas residuais levan acumuladas no interior da mina case 30 anos, explicaba o colectivo, “contendo con toda probabilidade altas concentracións de metais pesados, ao tratarse dunha antiga explotación de minería metálica con importantes cantidades cuxo xacemento contén importantes cantidades de sulfuros (arsenopirita, calcopirita e pirita) xeradores de drenaxes ácidas de mina, susceptibles de produciren importantes impactos sobre o medio ambiente”. 

Oposición en marcha

Varios colectivos integrados na rede ContraMINAcción, entre elas a plataforma veciñal BerXallas, de recente creación, anuncian que farán fronte ao proxecto a pesar de que “tanto empresa como Administracións pretendan aproveitar a crise da Covid-19 para minimizar a oposición social”.

A acción social xa conseguiu expor as mentiras da empresa sobre o suposto financiamento do Goberno Federal Alemán, que demostrou ser falso logo de varias preguntas presentadas no Bundestag en outubro e novembro.