A veciñanza de Touro e O Pino critica a "utilización" do CSIC a favor da mina de Touro

Vertidos procedentes da mina de Touro (Foto: Europa Press).
O Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do CSIC, publicou un informe no que minimiza o impacto da actividade na mina de Touro como causa das verteduras no esteiro do Ulla.

A Plataforma veciñal Cornado mina Non vén de facer público un comunicado no que critica a "utilización" do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para favorecer a actividade de Cobre San Rafael na mina de Touro.

O colectivo fai referencia a un informe elaborado polo organismo, que atribúe a contaminación do esteiro do Ulla a "verteduras industriais procedentes da zona de influencia de Padrón, Catoira ou Compostela" á vez que "descarta e/ou minimiza que a súa orixe poda ter relación coa actividade da mina de Touro".

Para a veciñanza, o informe está a ser empregado de xeito interesado por parte de Atalaya Mining e da súa filial na Galiza, xa que "a realidade é que as drenaxes ácidas procedentes da antiga mina de cobre tiveron un efecto devastador sobre ducias de quilómetros de ríos e regos do sistema do Ulla afectando directamente á súa bacia fluvial".

Esixen unha "aclaración pública" de se existe algunha relación contratual entre Atalaya Mining e o xefe do grupo de Bioxeoquímica Mariña do IIM, Ricardo Prego. Asemade, piden saber que vinculación existe entre Prego e Felipe Macías Vázquez, exprofesor de Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que "leva anos traballado a prol dos intereses de Cobre San Rafael".

Participación conxunta en investigacións

Segundo a plataforma, tanto Felipe Macías como Ricardo Prego participaron en investigacións conxuntas sobre metais pesados en cultivos mariños.

No comunicado, destaca tamén que o antigo docente da USC " é nomeadamente coñecido pola redacción de polémicos informes sobre o impacto ambiental de proxectos mineiros a petición das empresas responsables dos mesmos coma no caso de Touro".

Neses informes, Macías "fai caso omiso á grave contaminación provocada pola actividade metalífera previa". A veciñanza afirma que, para para eximir á empresa concesionaria de restaurar a extensa área afectada pola contaminación das canles fluviais, "chegou incluso a propoñer no seu momento a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre".

 Desde a Plataforma veciñal Cornado mina Non piden que se aclare se o Instituto de Investigacións Mariñas, "dependente dunha axencia estatal financiada con fondos públicos", está a ser empregado para favorecer os intereses privados de Atalaya Mining e Cobre San Rafael e, en caso afirmativo, que "se depuren responsabilidades en aras de evitar calquera caso potencial de conflito de intereses".