A veciñanza de Seixo sae á rúa para exixir o freo dos recortes en sanidade

Asemblea veciñal en Ardán decorrida en agosto.(Foto: Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo)
Máis de mil persoas quedarán o 15 de agosto sen servizo de saúde, denuncia a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, que convocou a veciñanza a mobilizarse para reclamar ao Concello que se implique para evitar os recortes na sanidade.

Centos de persoas manifestáronse este 12 de agosto diante do Concello de Marín, ao tempo que decorría o pleno municipal no que se votou unha moción da plataforma, para denunciar os recortes na atención clínica en Seixo e exixir que se fagan “as contratacións de persoal necesarias no Centro de Saúde por parte da Xunta”.

A veciñanza foi convocada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, no que participan 18 colectivos e asociacións das parroquias marinenses de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo.

A entidade cualifica a situación do consultorio de Seixo de “moi grave”, e explica que pasaron de ter dous médicos no centro a un, “que se fai cargo da cota dos dous como pode”. Ben que as citas do facultativo presente “agardan de 2 a 4 días”, a poboación asignada ao outro estana citando para setembro desde comezos de agosto.

En dous días, o 15 de agosto, indica a plataforma que “só haberá catro horas de médico para unha cota e máis de 1.000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable”. Esta situación está a xerar que persoas que precisan de medicación continua non teñan xeito de conseguir as receitas para acceder a ela, “as farmacias de Seixo e Ardán están moi preocupadas porque non saben como van dispensar sen receita a medicación que centos de pacientes precisan durante tantas semanas, especialmente dos tratamentos máis caros”, advirte a plataforma.

O centro urbano de Marín tamén sufre os recortes no eido da sanidade, láiase a entidade, que reclama que só fai falla ver “as longas colas para pedir unha cita”, nun centro de saúde no que “tampouco están contratando o persoal necesario para o funcionamento normal do Centro, nunha vila de case 25.000 habitantes”.

A xerencia e a Alcaldía lavan as mans

Malia intentar xuntarse co xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés do Sergas, escolleu “as datas de maior colapso da atención primaria para marchar de vacacións”. 
No caso da directora asistencial que o substitúe, non aceptou recibir a plataforma antes de aplicar os recortes do 15 de agosto.

Tampouco María Ramallo, alcaldesa de Marín polo Partido Popular, está a apoiar as solicitudes da plataforma, presentando unha contra moción a última hora, “miraremos se escollen a veciñanza e a sanidade pública ou o seu partido e os recortes”, indica a entidade en defensa da sanidade.