Veciñanza de Sanxenxo alerta da falta de persoal sanitario malia o incremento poboacional do estío

Veciñanza de Sanxenxo nunha das protestas a prol da sanidade pública. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo)
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública afirma que xa houbo contactos coa Xunta, a xerencia sanitaria da área e mesmo o alcalde do municipio, Telmo Martín, sen acadar ningún tipo de resposta. Lembran que a redución de traballadoras pode afectar á atención das e dos doentes, pero tamén ao estado de saúde das e dos profesionais sanitarios.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo acusa a Consellaría de Sanidade de caer na “inacción”, ao igual que a “Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e do propio alcalde”, dada a situación de “sobrecarga asistencial” pola que pasan os centros de saúde e consultorios do municipio nestes momentos, tanto polo coronavirus como pola maior poboación da localidade no estío.

A entidade asegura que mesmo varias traballadoras de atención en Baltar ou Vilalonga, contactaron co Sergas e demais administracións públicas para “solicitar reforzos” nos ambulatorios da vila. No entanto, denuncia, “non houbo resposta de ningún tipo, nin mostraron un mínimo interese”.

Incide en que o silencio foi o que recibiron a pesar de que “dada a gran mobilidade que existe no concello, Sanxenxo se converteu no epicentro da transmisión comunitaria da Covid-19”.

A plataforma alude así a momentos nos que houbo unha afección epidemiolóxica de “2.300” casos activos de coronavirus por cada 100.000 habitantes, “o que supuxo unha situación de risco tanto para traballadoras como para pacientes”.

Coa metade do persoal

“No caso específico de Vilalonga, a situación é coñecida pola Xerencia de Área tanto médica como de enfermaría e tamén polo señor alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, xa que o propio persoal do centro lle fixo entrega dunha escrita mediante rexistro de entrada na sede electrónica a principios do mes de agosto; onde, ademais, se lle solicitaba a súa intermediación coa Consellaría de Sanidade, para a procura de recursos necesarios cara garantir a adecuada prestación de servizos tanto a persoas residentes como a foráneos”, remarca o colectivo.

Sobre este consultorio, destacan que non se substituíron ás persoas de vacacións, polo que está a traballar a metade do persoal: “Un médico e un enfermeiro”.

“Isto deriva en que cando o enfermeiro sae a atender os pacientes que están encamados (úlceras, controis de patoloxía crónica... e programados con antelación) o centro quédase cun só médico sen ningún apoio de enfermaría, co risco que isto supón se aparece unha emerxencia que haxa que abordar, ben no propio centro ou fóra del, na que se requira a actuación conxunta de médico e enfermeiro, poñendo en risco a saúde da poboación”, abunda.

A maiores, lamenta que esta situación de “estrés laboral” estea a afectar aos profesionais sanitarios que traballan un “exceso de horas” e teñen moito “cansazo acumulado”.