A veciñanza rural de Santa Comba reclama infraestruturas básicas

estrada-sansalvador grixoa santa comba
A asociación de veciños de Grixoa de Esternande - Minas de Varilongo e de San Salvador, comarca do Xallas, mobilízanse este sábado en defensa do rural e a prol da reparación urxente dunha infraestrutura fundamental para a poboación das parroquias máis afastadas do núcleo principal do concello de Santa Comba.

“Levamos máis de dúas décadas esperando por unha actuación que repare o firme da estrada que une Coristanco con Santa Comba, de competencia municipal. Desde 1995, que o Goberno local anunciou por primeira vez o compromiso de renovar o pavimento e ampliar o ancho da calzada, pasaron seis alcaldes polo consistorio e ningún culminou o proxecto”, asegura a Nós Diario Xosé Abelenda, portavoz da asociación de veciños de Grixoa de Esternande - Minas de Varilongo.

Após non se aprobar no derradeiro pleno de 2019 o arranxo da estrada, a veciñanza de Grixoa de Esternande e San Salvador convocan este sábado unha marcha que sairá da Casa do Concello ás 11 horas, coincidindo co día grande de feira na capital do Xallas.

Sen visos de compromiso

"O Goberno local desbotou a reparación dunha infraestrutura vital para o futuro do noso rural", unha estrada, di Abelenda, pola que pasan a diario os camións que visitan a canteira e a planta de formigón das antigas minas de Varilongo, que conecta a veciñanza coa autovía da Costa da Morte e que dá servizo ao parque eólico de Fontesilva. "Hai dez anos, cando se montaron os aeroxeradores, EDP Renováveis chegou a un acordo cos veciños para destinar 220.000 euros á reparación da vía. Daquela fíxose unha doazón ao Concello, que nunca executou a obra comprometida".

"Sen infraestruturas básicas non se pode vivir no rural", sentencia Xosé Abelenda.