Veciñanza de Rianxo recibe Feixoo con ramallos de eucalipto

Imaxe: Fousas

Unha semana despois do incendio que arrasou máis de 1.100 hectáreas Núñez Feixoo acudiu a este concello para participar nun mitin do PP. Un grupo de veciños e veciñas concentráronse para lembrarlle as consecuencias da  política forestal do seu goberno

Dez días despois do incendio que arrasou 1.120 hectáreas de monte en Dodro e Rianxo, no lume máis devastador que sufriu Galiza no último ano e medio, o presidente da Xunta visitou o concello rianxeiro. Fíxoo non para visitar as zonas atinxidas polo incendio ou para reunirse coas persoas afectadas senón para participar nun acto electoral do Partido Popular que presentaba o seu candidato á alcaldía rianxeira.

 

Nestes días e a través de mensaxes de whatsapp e o ‘boca a orella’ pola vila rianxeira ‘rulaba’ un convite  achegarse até o lugar onde ía ser o acto do PP para darlle a benvida ao presidente cun ramallo de eucalipto e en silencio como denuncia simbólica da política forestal da Xunta e as súas consecuencias.

 

A chuvia e o vento que batían Rianxo na tarde desta quinta non foi a mellor axuda para esta convocatoria mais os elementos non desanimaron un grupo de veciños e veciñas que si acudiron. “Unha póla de eucalipto nunha man e un paraugas na outra aguantamos máis dunha hora até chegada [de Feixoo]. Poida que non foramos moit@s e que mesmo pasara de longo no seu coche oficial, mais o feito de xuntarnos para reivindicar diante do presidente da Xunta outro modelo de monte, libre do eucalipto e demais invasoras, amosa que algo está a callar”, indicaban desde Fousas ao Monte, un colectivo da zona. 

 

A investigación apuntou a faísca dunha instalación eléctrica como orixe do incendio. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, advertiu que pedirían responsabilidades á empresa eléctrica.