A veciñanza de Pontevedra volverá marchar por un futuro sen Ence na ría

Marcha contra celulosas o pasado 19 de xuño de 2022. (Foto: APDR)

A mobilización partirá o domingo 18 de xuño simultaneamente desde as alamedas de Marín e Pontevedra.

Baixo o lema “Non renunciamos a un futuro sen Ence na ría”, a veciñanza de Pontevedra e da Galiza está convocada a unha nova ‘Marcha contra celulosas’ o vindeiro domingo 18 de xuño ás 12 horas, con saídas das alamedas de Marín (comarca do Morrazo) e Pontevedra.

Esta nova mobilización, promovida máis unha vez pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), enmárcase na liña de actuación iniciada coa edición anterior, na ‘Loita polo Futuro’ da comarca, “un futuro que non ten vola atrás e que pasa inevitabelmente pola saída de Ence da ría”. “Porque Pontevedra ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida”, sinala Antón Masa, presidente da ADPR.

Nesta ‘Marcha contra celulosas’, a asociación quere transmitir á veciñanza da comarca de Pontevedra, mais tamén á de toda a Galiza, que aínda existen moitas vías legais para impedir a perpetuación da empresa na ría de Pontevedra.

“Desde a APDR non imos regatear esforzos para utilizalas”, sentencia Masa. “Mantemos íntegra a nosa convicción de que, chegando o momento, a Xustiza daranos a razón e confirmará a nulidade da prórroga de 60 anos a Ence”, declara o presidente.

Con todo, e mentres non se produza “esa inevitábel solución”, desde a APDR afirman que continuarán a mobilizar a toda a sociedade que, “con nós e desde hai moitos anos”, fixo “bandeira” da oposición á presenza de Ence na ría de Pontevedra.

Seguiremos deseñando ese ansiado futuro, ese futuro que reivindicamos nesta nova ‘Marcha contra celulosas’ e que, con seguridade, remataremos por construír”, sentencia Antón Masa.