Ponteareas, Ordes e Marín saen á rúa para denunciar os recortes sanitarios

Mobilización decorrida en Ponteareas na tarde desta quinta feira (Foto: Miguel Bouzón).
"Queren a sanidade pública para gañar cartos e a privada para dar os beneficios", sinala Xurxo Porrit, da  Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado.

Os concellos de Ponteareas, Marín e Ordes acolleron esta quinta feira senllas concentracións fronte a centros de saúde para protestar polos recortes da Xunta na sanidade pública galega. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado convocou ás 20 horas a veciñanza de Ponteareas para protestar pola situación "crítica" no sistema sanitario. O voceiro da plataforma, Xurxo Porrit, denunciou as políticas da Xunta e do Partido Popular con respecto á sanidade pública.

"Estamos a traballar para unir todas as plataformas e organizar un acto común de denuncia, porque están a matar a sanidade pública galega polos cartos", sinalou Porrit a Nós Diario.

Os traballadores da sanidade denuncian que o Goberno galego "proclame" no Parlamento que aumenta as partidas destinadas á sanidade "cando ese diñeiro sempre vai destinado á sanidade privada e non á pública". "Queren a sanidade pública para gañar cartos e a privada para dar os beneficios", engadiu Porrit.

Pola mañá, o BNG convocara a veciñanza diante do centro sanitario de Marín, ás 11.30 horas, baixo a consigna "Non aos recortes na Atención Primaria". Ese e outros lemas puideron escoitarse nas inmediacións da concentración, onde un cento de persoas denunciou a redución de cadros de persoal e servizos na sanidade pública do concello e do conxunto da Galiza.

A voceira municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, explicou a Nós Diario que a veciñanza do concello leva anos a sufrir os "recortes sistematizados en servizos como fisioterapia ou medicina de familia", así como a redución dos cadros de persoal.

A nacionalista afirmou que o grupo municipal está a traballar para trasladar as queixas á Xerencia da área sanitaria e a Consellaría de Sanidade. "Levabamos uns meses sen concentrarnos, pero a situación crítica e a propia veciñanza leváronnos a recuperar estas concentracións con frecuencia mensual".

No caso de Ordes, CIG-Saúde informou de que se producira outra concentración ás 17 horas fronte ao Punto de Asistencia Continuada (PAC) de Ordes para exixir unha dotación de equipos completa, xa que actualmente os dous equipos de traballo do PAC contan con dous médicos mais só con un enfermeiro, o que fai que ante unha emerxencia no exterior, un dos médicos quede sen asistencia.