A veciñanza de Parga volve á carga pola reapertura do centro de saúde

Consultorio de Parga, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Páxinas Galegas)

Fechou hai dous anos co inicio da pandemia da Covid.

Veciñanza de Parga, no concello de Guitiriz, na comarca da Terra Chá, mobilizarase para reclamar que reabra o centro de saúde que leva fechado desde que conezou a pandemia pola Covid-19 hai dous anos.

Os veciños a través da Plataforma ‘Parga non se divide’ volverán protestar, xa o fixeron cando se pechou, porque argumentan que a caída de  contaxios por Covid é xa unha "realidade" e non ten sentido manter fechada dita instalación e que teñan que desprazarse ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Guitiriz.

Un dos portavoces deste colectivo, Alfonso Losada, avanzou que "pensan" en volver saír á rúa e lembra que "durante preto dun ano xa nos estivemos mobilizando".

"A situación de gravidade que había pola pandemia foi decaendo. Todas as desculpas que nos deron para o feche médico era derivado da pandemia", incidiu. Unha vez superado o "máis grave", Losada advertiu con volver ás "mobilizacións" se finalmente o Sergas mantén esta situación de feche do centro de saúde.

No centro traballan dous médicos e unha ATS que vai dous días por semana, pero só "a facer extraccións". Nesta parroquia de Guitiriz hai censados 1.700 veciños e veciñas.

En xullo de 2020 máis de 500 persoas participaron nunha cadea humana para reclamar ao Sergas a apertura do centro de saúde da parroquia de Parga