Infraestruturas públicas en más condicións na cidade

A veciñanza de Ourense reclama mellores instalacións lúdicas

Aspecto do Parque Miño

Soportes publicitarios, parques infantís e outros moitos espazos públicos están nun estado avanzado de deterioración e precisan arranxo.

A comezos da semana pasada, varias crianzas estaban a xogar na zona infantil do coñecido Parque Miño para aproveitar o seu tempo de lecer e do día que facía. De pronto, danse conta de que caera un dos teitos que daba sombra nos quentes días de verán. Estas avisaron os seus pais que xa se levaban dando conta do mal estado das infraestruturas. Mais este non é o primeiro caso nin o último de espazos públicos que se atopan en situación precaria.

 

O Parque Miño é coñecido por ser un dos parques máis transitados da cidade. Atópase ao carón do centro comercial Pontevella e en fronte ao río Miño. Posúe unha grande zona de céspede e merendeiros onde pasar a tarde en boa compañía. A isto súmaselle unha zona infantil con diversas atracción para as máis cativas.

 

A caída deste teito non é a única infraestrutura danada, senón que hai espazos para a poboación máis cativa que non posúen a protección adecuada no chan. O areneiro xa tivo que ser reparado en diversas ocasións, pero cada pouco continúa estragado. Asemade, a cafetería, de titularidade municipal, atópase fechada e non abre dende hai anos. Mais a xustificación do goberno de Ourense é o pouco concorrida que está a zona durante inverno e outono. Isto provoca que ao concurso non se presente ninguén e continúe fechada a cafetería.

 

Trasladándonos ao parque que se atopa ao lado da Rúa Concello alí achamos bancadas para sentar que se atopan nun estado moi deteriorado. Case non hai area na zona infantil e as zonas máis atractivas coma os balancíns non están ben protexidas. Outro caso similar é o do Xardín do Posío, nunha zona céntrica e transitada durante todo o ano por moitos e moitas ourensáns. En concreto, co motivo da súa deterioración, o Partido Socialista levou ao pleno municipal unha moción ao respecto. Así, chegouse a un acordo para realizar un plan de rehabilitación das infraestruturas.

 

Mais non son só as zonas infantís as afectadas pola deterioración, o paso do tempo e o seu uso. Por exemplo, a pasarela do Barbaña, que foi reparada e reaberta o pasado ano. As obras ocuparon un espazo temporal de tres meses e un custe de setenta mil euros. Pintouse de cor gris, substituíndo o vermello que adornaba a ponte. Mais a día de hoxe xa son moitos os taboleiros que constitúen esta estrutura.