Veciñanza de Moraña mobilízase polo colapso do centro de saúde

Veciñanza de Moraña (Caldas) concentrada este domingo en defensa da sanidade pública. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza da localidade de Moraña (comarca de Caldas) manifestouse este domingo nunha mobilización convocada polo BNG para reclamar á Consellaría de Sanidade melloras na atención sanitaria do concello.

Centos de veciñas e veciños da localidade de Moraña, na comarca de Caldas, saíron este domingo á rúa para demandar persoal médico suficiente para o centro de saúde da localidade.

A marcha coa que Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Moraña convocaba a organizacións políticas, sociais e ao conxunto da veciñanza pretendía denunciar a situación actual da sanidade pública no concello.

Desde o BNG alertan de que o centro de saúde de Moraña se atopa “sumido nun caos”, ao carecer de profesionais médicos, pacientes pediátricos sen facultativo asignado e cunha “situación límite de tensión e colapso” que está a pagar o persoal que presta servizos no centro.

Os nacionalistas recordan tamén que o PAC de Caldas carece de persoal médico con frecuencia o que supón a derivación de pacientes ao servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, que acaba por saturarse.

A manifestación que tivo lugar este domingo en Moraña demandou á Consellaría de Sanidade médicos e recursos suficientes para ter unha atención “digna” no municipio.