A veciñanza de Monfero denuncia a sobrecarga asistencial do centro de saúde

Veciñanza de Monfero nunha protesta a prol da sanidade pública. (Foto:Centro de Día do Xestal).
Sinalan que a falta de persoal fai que só estean a prestar servizo un médico e un enfermeiro, o que supón unha sobrecarga asistencial dado o incremento de poboación maior no concello.

A veciñanza de Monfero alerta da falta de persoal sanitario nos centros do municipio malia o incremento poboacion maior, ao que se suma a sobrecarga asistencial pola Covid-19. 

Segundo denuncia o crego da parroquia de Xestoso, varias traballadoras de atención primaria contactaron co Sergas para "solicitar reforzos" no ambulatorio do Concello pois, como relata, "non se substituíron ás persoas de vacacións, polo que está a traballar a metade do persoal: un médico e un enfermeiro". Porén, "non houbo resposta de ningún tipo, nin mostraron un mínimo interese".

"Isto deriva en que cando o enfermeiro sae a atender os pacientes que están encamados (úlceras, controis de patoloxía crónica... e programados con antelación) o centro quédase cun só médico sen ningún apoio de enfermaría, co risco que isto supón se aparece unha emerxencia que haxa que abordar, ben no propio centro ou fóra del, na que se requira a actuación conxunta de médico e enfermeiro, poñendo en risco a saúde da poboación", abunda.

A maiores, lamenta que esta situación de "estrés laboral" estea a afectar aos profesionais sanitarios que traballan un "exceso de horas" e teñen moito "cansazo.

Inacción da Administración

Neste senso, acusa a Consellaría de Sanidade de caer na "inacción", ao igual que a xerencia da área sanitaria, e lembra que a redución de Personal sanitario pode afectar á atención das e dos doentes, pero tamén ao estado de saúde das e dos profesionais sanitarias.

"A situación é coñecida pola Xerencia de Área tanto médica como de enfermaría e tamén polo señor alcalde de Monfero, xa que o propio persoal do centro lle fixo entrega dunha escrita mediante rexistro de entrada na sede electrónica a principios do mes de agosto, onde, ademais, se lle solicitaba a súa intermediación coa Consellaría de Sanidade para a procura de recursos necesarios cara garantir a adecuada prestación.

Na mesma liña, Iris Río, directora do centro de dia Xestal, manifesta o seu enfado por a situaciòn actual sanitaria que se está a vivir no concello por falta de persoal médico, e critica que o rural está a desaparecer. "Temos poucos servicios e os basicos que temos non se están a cubrir ben. Iso conleva non poder atender a xente maior como merecen. A xente maior é a que máis sufre isto, porque sempre teñen algún altibaixo e non hay un médico que os poida axudar nin orientar para poder levar mellor a sua vida".