A veciñanza mobilizarase pola venda de dúas parcelas públicas na Coruña

O Ministerio de Defensa vendeu dúas parcelas na Maestranza. (Nós Diario)
A Comisión Aberta en Defensa do Común, entidade cívica nacida na Coruña en 2016 para opoñerse á privatización de tres parcelas propiedade do Ministerio de Defensa na zona da Maestranza, reúnese hoxe para definir as accións contra a venda, mediante poxa, de dous deses terreos, coñecida nos últimos días.

As accións, segundo avanza o presidente da entidade, Manuel Monge, incluirán reclamacións políticas, pero tamén mobilizacións, como as que a plataforma realizou desde o seu nacemento para tratar de evitar a privatización deses espazos e a súa edificación e para reivindicar a súa devolución ao Concello para uso público.

"Convocaremos algún acto potente en colaboración coa asociación veciñal da Cidade Vella", adianta o portavoz, que censura o "incumprimento", por parte do Concello da Coruña –tanto na actual corporación, liderada polo PSOE, como na anterior, coa Marea Atlántica–, das sucesivas mocións aprobadas para evitar a venda e edificación desas parcelas, situadas no Campo da Estrada. A última delas levouse ao Pleno o pasado mes de novembro, "cando nese mes o Goberno local xa coñecía que o Invied –un organismo público para a xestión de infraestruturas e vivenda dependente de Defensa– consumara a venda", critica Monge, que tacha de "oscurantista" o movemento do Executivo coruñés. 

Desde o Concello sinalan que "están tramitando a modificación do Plan Xeral de Ordenación para este ámbito" e avanzan que aínda teñen que estudar as solicitudes de licenza, presentadas pola nova propietaria dos soares, "coa idea de limitar as alturas e asegurar a protección das murallas" desta zona histórica da cidade. 

Pola súa banda, o grupo da Marea Atlántica reclamou onte á Xunta "que amplíe o ámbito de protección das murallas históricas da Coruña –parte das cales están declaradas Ben de Interese Cultural– até o Campo da Estrada" para protexer os achados arqueolóxicos desas parcelas, unha medida que, segundo expón a formación, evitaría a construción e impediría que se levanten torres de vivendas nos terreos.

O BNG emprazou a alcaldesa, Inés Rei, a iniciar "de inmediato" negociacións co Goberno central para tratar de reverter a venda e acusou Defensa de "primar o interese especulativo en vez do social".