Veciñanza de Gondomar afectada polas inundacións exixe solucións

A confluencia dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar. (Foto: Marta Vázquez / Europa Press)
Demandan o estabelecemento dun sistema de alerta.

Perto de medio cento de veciñas e veciños de Gondomar, na comarca de Vigo, que se viron afectados polos asolagamentos sucedidos nas últimas semanas, xuntáronse a pasada quinta feira para buscar solucións a un problema que semella ser "cada vez peor e máis frecuente".

A veciñanza de Gondomar decidiu organizarse legalmente como Asociación de Afectados,  logo de que en Noiteboa e en Aninovo as fortes chuvias caídas na comarca anegaran vivendas, garaxes e comercios, estragasen vehículos, destruísen camiños e estradas e provocasen varios desprendementos.

As veciñas e veciños afectados denunciaron que a Xunta da Galiza aínda non comezou as obras para ampliar a capacidade de desaugue do punto onde conflúen os ríos Miñor e Zamáns, logo de adxudicar o proxecto en novembro por 1,8 millóns de euros. De feito, ningunha autoridade do Executivo galego visitou as zonas afectadas da comarca viguesa.

Tendo en conta isto, tanto a veciñanza como grupos políticos de Gondomar consideran que as Administracións deben tomar medidas inmediatas e a curto e medio prazo.

Sistema de alerta e protocolo de inundacións

O BNG de Gondomar, a través da súa portavoz municipal, Manuela Rodríguez Pumar, presentou unha batería de iniciativas coas que consideran que se poden paliar os agravios que as inundacións están a provocar a veciñas e veciños.

Entre as medidas propostas destacan, a curto prazo, o estabelecemento dun sistema de alerta e aviso á veciñanza, e a sinalización, "con urxencia e moita visibilidade", das zonas inundábeis do concello. A medio prazo, solicita a elaboración dun plan de inundacións, alén de cuantificar danos, consecuencias e axudas.

Ademais, Pumar emprazou o rexedor local, Francisco Ferreira (PSOE), a convocar a veciñanza e os grupos políticos para acordar as medidas de actuación ante futuras enchentes.