Veciñanza do Salnés mobilízase contra os recortes de persoal médico en sanidade

Varios centos de persoas saíron á rúa en Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)
A plataforma SOS denuncia a falta de profesionais na Atención Primaria.

Varios centos de persoas manifestáronse esta sexta feira en Vilagarcía nunha mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para protestar pola situación que sofre o servizo sanitario da comarca do Salnés.

O portavoz da plataforma, José Manuel Ribadomar, explicou a Nós Diario que esta manifestación reivindicaba “a defensa da sanidade pública, particularmente a da Atención Primaria” pois é a que “está a ser máis salvaxemente atacada”.

O feche de centros de saúde, a falta de persoal médico, as longas listas de agarda e a carencia de pediatras son os principais problemas denunciados pola veciñanza: “Son cuestións que nos dicían que eran puntuais pero nada diso, estanse a consolidar”.

Ribadomar indica que este verán visibilizáronse estas cuestións, mais asegura que son cuestións “que veñen de antes”. “Houbo unha redución da taxa de reposición” polo que as prazas dos sanitarios que se xubilan, que están de vacacións ou que collen unha baixa “non se repoñen”. Incluso agora, xa rematada a estación estival, que é cando se concentran máis persoas na comarca do Salnés, o PAC de Vilagarcía “segue sen profesionais médicos”.

Por outra parte, “as condicións laborais do persoal sanitario de Atención Primaria son tan malas que moitos profesionais prefiren marchar”. Isto ocorre pola “falta de investimento” pois “non se lle dedican os suficientes reforzos, tanto económicos como humanos” á Primaria, advirte.

SOS Sanidade Pública do Salnés reivindicou esta sexta feira unha sanidade pública e de calidade. “Esta foi a primeira manifestación a nivel comarcal”. Unha vez rematado o percorrido da mobilización, diversas persoas afectadas pola situación sanitaria interviron no acto, entre elas, dúas nais que abordaron a falta de pediatras; un técnico de emerxencia sanitaria; unha enfermeira e un paciente do Grove. A protesta concluíu coa lectura dun manifesto.

Contratación de sanitarios

Por outra parte, este sábado entra en vigor a lei para contratar persoal sanitario sen oposición en postos de difícil cobertura na Galiza.