Parlamento

O PP aproba en solitario o proxecto de lei para os postos de "difícil cobertura" no Sergas

A oposición afea que se tramite a norma pola vía de urxencia para "furtar" o debate parlamentario.
(Foto: Nós Diario)
photo_camera O PP sostén que a norma non sería necesaria "se Pedro Sánchez fixese os deberes". (Foto: Nós Diario)

O pleno do Parlamento da Galiza aprobou esta terza feira continuar, pola vía de urxencia por lectura única, a tramitación do proxecto de lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura na sanidade galega.

A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do PP, que xustificou a urxencia na necesidade de dar resposta ás necesidades de cobertura sanitaria dos hospitais comarcais, e coa oposición de BNG e PSdeG, que viron nesta opción a intención de "furtar o debate" parlamentario.

Así, fronte á posición dos populares, que agradeceron á Xunta o "esforzo" por buscar vías de cobertura para estas prazas, a oposición considerou que a lei pretende normalizar unha vía "excepcional" de provisión de prazas para solucionar un problema que é "estrutural", en relación á falta de médicos en diferentes servizos e centros comarcais.

O PSdeG chama a "tratar mellor" o persoal médico

Nesta liña, o socialista Julio Torrado acusou a Xunta de pretender, con esta lei, "resolver os problemas do sistema sanitario empregando mecanismos extraordinarios de forma estrutural". Torrado, que vinculou os problemas de cobertura dos comarcais co "erro provocado" coa creación das áreas sanitarias, dixo que, igual que aquelas crearon "pacientes de primeira e pacientes de segunda", esta norma creará postos para "profesionais de primeira e profesionais de segunda".

"Temos un problema para dotar os comarcais porque as áreas sanitarias permiten que estes sexan hospitais de segunda", dixo o deputado do PSdeG, que afeou que o texto se debata polo trámite de urxencia con lectura única, "o máis breve posíbel". Fronte ao sistema que promulga esta norma, Julio Torrado recomendou ao Goberno galego "tratar mellor os profesionais sanitarios" e non "crear leis que permita tratalos peor".

"Crea malestar e non soluciona os problemas", di o BNG

Tamén a deputada nacionalista Montse Prado afeou "a forma" de tramitación desta lei, coa utilización do "mecanismo de excepción" para "reducir os tempos de debate ao mínimo". Do mesmo modo, criticou "o fondo" da norma, xa que é "un mal parche" para un "problema estrutural" da sanidade galega. "É unha lei que crea malestar e non soluciona os problemas", dixo.

Prado fixo un símil médico alegando que "cunha aspirina para a dor non se soluciona un problema dunha envergadura brutal" e criticou que a Xunta busque resolver esta situación "a custo cero".

A norma achega "incentivos" aos profesionais, defende o PP

Finalmente, a deputada popular Encarna Amigo agradeceu "o esforzo da Xunta" para dotar de facultativos os postos de difícil cobertura e asegurou que esta lei non sería necesaria "se Pedro Sánchez tivese feitos os deberes", modificando a normativa básica para garantir a cobertura.

Sobre a norma, Encarna Amigo afirmou que "conta co aval da asesoría xurídica" e "avanza no camiño marcado polo Congreso e o Goberno estatal", apostando na vía do concurso de méritos para cubrir estas prazas que, aliás, achegan "incentivos aos profesionais", como postos fixos, un sistema máis fácil de acceso e máis puntuación. Previsibelmente, será aprobada no próximo pleno.

Comentarios