Veciñanza do Pino e Touro peregrina contra a reapertura da mina

Imaxe @pilaraymara

Un cento de veciños percorreron o tramo entre Pedrouzo e a catedral de Compostela nunha andaina reivindicativa.

Toda axuda é necesaria contra o proxecto de reabrir a mina de cobre no Touro-O Pino, mesmo a do Apóstolo Santiago. Un cento de veciños protagonizaron unha andaina na que percorreron a pé en ‘peregrinación reivindicación’ o tramo do Camiño entre Pedrouzo e a catedral de Compostela. Alí tomaron parte na misa do peregrino para advertir dos “graves perigos que representa a reapertura da mina para os que vivimos naqueles concellos”.

 

Á  espera da decisión administrativa, os veciños insisten en que o seu impacto ambiental e económico tamén fóra do ámbito deses municipios Pino e Touro, senón que tamén repercutiría negativamente nunha zona máis ampla, chegando mesmo os seus residuos ata a Ría de Arousa levados polo Ulla.

 

Compostela acollerá o vindeiro 10 de xuño unha manifestación nacional contra o proxecto mineiro de Atalaya Mining en Touro-O Pino, unha mobilización convocada pola Plataforma veciñal que se opón ao proxecto e pola Plataforma en defensa da Ría de Arousa, que representa a unha vintena de coletivos sociais, ambientais e de sectores produtivos (mariscadoras, bateeiros, confrarías…).

 

“Non queremos unha herdanza envelenada” é o lema da manifestación, que toma o relevo da que decorreu a finais de febreiro pasado en Touro e na que tomaron parte por volta de 3.000 persoas. As plataformas convocantes da manifestación do 10X fixeron un chamamento á sociedade galega a acudir e apoiar unha mobilización que consideran máis que necesaria.