Veciñanza do Grove mobilízase ante a Xunta para exixir pediatras: "Levamos moitos meses sen ningún"

Concentración de SOS Sanidade Pública O Grove, esta sexta feira. (Foto: Arxina)
SOS Sanidade Pública denuncia a falta de persoal médico no Salnés.

Veciñas e veciños do Grove concentráronse esta sexta feira ante o edificio administrativo da Xunta, en Santiago de Compostela, para reclamar o seu dereito á saúde baixo o lema "No Grove exiximos médicos e pediatras xa".

Na mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, denunciaron que o municipio leva "máis dun ano sen pediatra" e que teñen que desprazarse até o Hospital Provincial de Pontevedra e esperar fóra colas de "até sete horas".

Así, o portavoz da plataforma, Rafael Iglesias, sostivo que "arrastramos moitos meses de falta de facultativos", e engadiu, "no centro de saúde estivemos meses sen atender consultas por falta de persoal". En canto á atención pediátrica, Iglesias incidiu en que á localidade correspóndenlle dous pediatras por ratio de poboación, e "levan moitos meses sen ningún".

"As crianzas non están a ser atendidas, non hai consultas e non hai revisións para detectar patoloxías", sostivo Iglesias. Na concentración estiveron presentes varias nais, como Eva González, que lamentou que "hai crianzas que naceron este ano e non teñen unha soa revisión feita por un pediatra". Así, criticou que se un neno ou unha nena está enferma teñen que gastar 50 euros para que os atendan na sanidade privada. Aliás, sinalou que hai un neno ingresado no CHUS de Santiago, derivado desde Pontevedra, "porque non o quixeron atender".

Nesta liña criticou que as crianzas que acoden a Pontevedra "fan cola fóra con mantas" mentres esperan a ser atendidas porque o hospital "está desbordado". Advertiron de que "os recortes maltratan os profesionais sanitarios e condena os usuarios á morte por desatención". 

Protestas na Coruña, Covelo e Vedra

A comisión de centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña convocou tamén esta sexta feira unha concentración para denunciar un déficit "alarmante" do persoal, sobre todo de celadores e técnicos de imaxe para o diagnóstico de raio de Urxencias. "Se a situación continúa igual seguiremos coas protestas", manifestou a presidenta da comisión do centro, Lucía Peón.

Ademais, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convocou para este sábado en Covelo unha concentración pola falta de persoal médico no concello. E desde o centro de saúde de Vedra sosteñen que están nunha situación "límite" pois, denuncian, o centro de saúde "cae a cachos".