Veciñanza de Rois protesta contra a instalación dunha liña de alta tensión en zonas de "gran valor patrimonial"

Rolda de prensa de presentación da protesta en Rois (Foto: Centro Internacional de Prensa da Galiza).
Trátase da liña de alta tensión (LAT) de 220 KV Lousame Ames - Tibo por parte de Rede Eléctrica Española, un proxecto que foi aprobado pola Xunta da Galiza e que xerou unha grande oposición debido ao seu "potencial impacto negativo en áreas de gran valor histórico e ecolóxico" como son o Camiño Portugués, o Castro Lupario, o Pazo do Faramello e o núcleo rural de Angueira de Castro.

A veciñanza de Angueira de Castro, no municipio de Rois (comarca do Sar), convocaron para este sábado, día 20 de xaneiro, unha protesta contra a instalación dunha liña de alta tensión na contorna do Castro Lupario do Camiño Portugués, por considerar que suporá unha desfeita "patrimonial e ambiental". A protesta tivo lugar no sitio onde xa comezaron as tallas e rozas para o inicio da instalación. Diso informaron nunha rolda de prensa decorrida no Centro Internacional de Prensa da Galiza, da que informaron nun comunicado.

Segundo explicaron, trátase da liña de alta tensión (LAT) de 220 KV Lousame Ames - Tibo por parte de Rede Eléctrica Española, un proxecto que foi aprobado pola Xunta da Galiza e que xerou unha grande oposición debido ao seu "potencial impacto negativo en áreas de gran valor histórico e ecolóxico" como son o Camiño Portugués, o Castro Lupario, o Pazo do Faramello e o núcleo rural de Angueira de Castro.

Na rolda de prensa, o portavoz da plataforma de veciños de Angueira de Castro, Marcos Santos, destacou que a Administración non deu resposta a ningunha das iniciativas que levan propondo desde hai catro anos, avaliadas por informes do Consello da Cultura Galega e a Academia de Belas Artes, para impedir este trazado ou buscar alternativas.

"Promesas incumpridas"

Pola súa parte, o arquitecto e veciño da zona Pedro de Llano declarou que esta contorna é un dos de "maior relevancia patrimonial e lendario do país" polo que, "ante a inacción do Goberno galego" tras as "promesas incumpridas" para a revisión do proxecto, o arquitecto decidiu devolver ao Executivo de Alfonso Rueda o premio Galiza de Arquitectura que recentemente lle outorgaron.

Con todo, de Llano afirmou que "está disposto a reconsiderar a súa postura se a Xunta reverte a súa posición sobre o proxecto, ou toma unha alternativa de consenso" como a que el mesmo propuxo no seu informe, de soterrar o cableado nos lugares máis sensíbeis.

Así mesmo, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, que agrupa expertos en peregrinación dos Camiños de Santiago de 18 países distintos, apoiou a mobilización, describindo a instalación da liña de alta tensión como unha "aberración ao ecosistema e ao legado histórico" da Galiza.