A veciñanza das Encrobas denuncia o "ocultismo" sobre o futuro da térmica

Central térmica de Meirama, nas Encrobas (Foto: Nós Diario).
Exixen "información transparente" sobre os plans da Xunta, o Concello e Naturgy para a contorna.

Após o anuncio de Endesa do fechamento da central térmica das Pontes sen un plan de recuperación da contorna por parte do Goberno galego, os veciños e veciñas da parroquia das Encrobas (Cerceda) reclamaron esta sexta feira ao Concello, a Xunta e Naturgy que cesen no seu "ocultismo" e informen dos proxectos "que se están a barallar" para a zona da térmica de Meirama, cuxa clausura se consumou o pasado mes de xuño.

Nun comunicado de prensa, lamentaron as "confusas informacións" aparecidas nos últimos meses, que valoraban a posibilidade de instalar unha planta de biogás, outra de hidróxeno verde e mesmo un parque eólico.

"Agora que fecha a térmica, pensabamos que poderiamos vivir tranquilos por fin, despois de todos estes anos de contaminación, de ter que tragar con todo o carbón que caía enriba das nosas hortas, pensamos que ben merecemos que nos deixen vivir con calidade de vida", expuxo a veciñanza.

Con todo, criticaron o que consideran un falso ecoloxismo por parte de Naturgy (noutrora Fenosa): "Os mesmos que hai máis de corenta anos destrozaron o noso val pretenden seguir destrozando o noso día a día e poñendo en perigo o noso futuro en nome de supostos proxectos verdes, que moito tememos que de verde non teñen nada", argumentaron.

As propostas da eléctrica son "un lobo vestido de cordeiro" para os veciños: "Sabemos todo o que fixeron nas Encrobas, todo o que padecemos, e por iso non nos fiamos de que os novos proxectos postos en marcha por eles poidan ser nin ecolóxicos, nin sustentábeis, nin respectuosos coa veciñanza, porque nunca o foron ata o de agora", expresaron.

En consecuencia, a veciñanza exixe información transparente sobre as iniciativas que se atopan sobre a mesa: "Non é de recibo que se estean a tratar estes temas con semellante ocultismo, que non se saiba que proxectos se están a presentar para poder recibir fondos europeos ou outro tipo de subvencións", dixeron, salientando que "a opacidade coa que empresas e Administración traballan da man para evitar que nos poidamos defender é sanguento".

Nas vindeiras datas, os veciños enviarán unha carta ao Concello de Cerceda e aos grupos políticos representados no consistorio para instalos a "mobilizarse" e "facer presión" para ofrecer, o antes posíbel, información sobre o futuro da contorna: "Pagamos impostos como todas as persoas e temos dereito a poder vivir", sentenciaron.