Veciñanza do Barbanza protesta ante a Consellaría contra a falta de médicos e as demoras na atención sanitaria
A veciñanza da Barbanza mobilizouse esta quinta feira diante da Consellaría de Sanidade, en Santiago de Compostela, para reclamar unha atención sanitaria de calidade, con médicos suficientes que garantan unha asistencia "sen demoras excesivas".
Durante a protesta, ducias de persoas exixiron que nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño se cubran todas as vacantes e baixas de persoal médico, ao tempo que reclamaron que na Pobra do Caramiñal se habilite un Punto de Atención Continuada (PAC) en horario de tarde para "evitar os desprazamentos ao xa saturado PAC de Ribeira".
A mobilización contou coa presenza de representantes públicos e co apoio do BNG, que volveu denunciar a grave situación que padece a sanidade pública na comarca. A deputada no Parlamento, Rosana Pérez, denunciou a falta estrutural de profesionais sanitarios no Barbanza e lembrou que xa rexistrou diversas iniciativas parlamentarias para que a Consellaría de Sanidade dote os centros de saúde do persoal necesario e dea resposta ás longas listas de espera para consultas de especialista no Hospital da Barbanza.
"Estamos ante unha situación insostíbel provocada pola mala xestión do Partido Popular. O conselleiro de Sanidade está atrincheirado na consellaría e só aparece en actos do PP, onde non hai ningunha crítica á súa política de recortes”, afirmou Pérez, tras se confirmar que Antonio Gómez Caamaño non acudiría á reunión que solicitara a veciñanza para presentarlle as súas queixas.
Sanidade próxima e de calidade
Pola súa parte, o ex alcalde de Ribeira e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral e a concelleira Cruz Rivadulla, sinalaron directamente o PP como responsable da deterioración da sanidade pública.
"A falta de médicos e o empeoramento da atención sanitaria son consecuencia directa dos recortes aplicados polo PP. Porén, grazas á presión constante da veciñanza, nos últimos tres anos conseguíronse melloras importantes", indicou. Barral lembrou que foi a mobilización veciñal a que evitou o feche dos consultorios de Palmeira, Corrubedo e Aguiño e subliñou que "será novamente a loita da xente a que conquira que en Ribeira se cubran todas as prazas médicas". Ademais, lamentou que a alcaldesa e o municipal de Ribeira "defenda os intereses do Partido Popular en vez de defender a veciñanza e os servizos públicos".
A voceira do BNG na Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, reafirmou o compromiso da súa organización coas demandas da veciñanza. "Seguiremos apoiando ás veciñas e veciños que reclaman o seu dereito a contar cun PAC en horario de tarde. É un dereito que non imos deixar que nos quiten; estamos pedindo simplemente o que nos corresponde", manifestou.
Desde o BNG reiteran o seu apoio ás mobilizacións veciñais e esixen á Xunta da Galiza que adopte medidas urxentes para garantir unha sanidade pública accesíbel, con profesionais suficientes e unha atención digna para toda a poboación da Barbanza.