A veciñanza comuneira de Tameiga avisa: "Traballan para roubarnos o monte"

A veciñanza de Tameiga é pioneira na defensa do monte veciñal e mais no impulso da súa propia comunidade enerxética. (Foto: Nós Diario)
A Xunta e o RC Celta avanzan na blindaxe da macrocidade en Mos.

O historial de desavinzas entre a Comunidade de Montes de Tameiga (Mos) e o Real Club Celta de Vigo a propósito do 'Galiza Sports 360, Factoría do Deporte Galego' vai camiño de sumar novos capítulos. O seguinte é a raíz da declaración do proxecto impulsado pola entidade deportiva como "proxecto de interese autonómico", unha demanda que  o club que dirixe Carlos Mouriño formalizou o pasado mes de marzo e que agora debe ser ratificada polo Consello da Xunta.

A primeiros de agosto, a Secretaría Xeral para o Deporte emitiu un informe favorábel para que a 'Factoría do Deporte Galego' sexa declarada proxecto de interese autonómico, un instrumento legal para a "intervención directa na ordenación do territorio" da Galiza, co obxecto de "planificar e proxectar as seguintes actuacións, sempre que transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características que as fagan portadoras dun "interese supramunicipal cualificado"; unha vía que, segundo explicou Mouriño, lle permitiría consumar o seu macroproxecto en Mos, sempre e cando a Xunta "o aprobe".

O Goberno galego gozaría de autoridade para outorgarlle ao Celta os permisos necesarios sen contar con ningún outro tipo de organismo ou Administración pública.

Oposición veciñal

A iniciativa urbanística do Celta no concello de Mos bateu desde o primeiro momento coa oposición da Comunidade de Montes de Tameiga, en cuxos terreos o club vigués aspira a construír un complexo deportivo a semellanza dos hubs de innovación deportiva máis destacados de Europa.

"Eles falan moito da universidade do deporte, dos centros de laboratorio e investigación, pero ao final todo é negocio, puro e duro", afirma o coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga, Gonzalo Pérez. En conversa con Nós Diario lembra como o Celta se puxo en contacto coa veciñanza comuneira dous días despois de presentar o seu megaproxecto -en marzo deste ano- coa única vontade de facer valer a súa cidade deportiva, con máis de 256 familias en contra e a ilegalización xudicial de proxectos previos para a construción de instalacións deportivas -en 3.000 metros cadrados en solo rústico na Comunidade de Montes de Pereiras-, que malia todo, seguiron o seu curso.

"Este señor pode permitirse o luxo de chegar a un sitio e dicir que isto se vai facer si ou si, independentemente do que digan os propietarios do terreo, co apoio da alcaldesa -Nidia Arévalo (PP)- e a conivencia do seu partido", que coa declaración do 'Galiza Sports 360' como proxecto de interese autonómico, abre a porta á expropiación.

Expropiación

"É o mecanismo no que traballan para roubarnos o monte", asegura o voceiro da veciñanza comuneira de Tameiga, "unhas oito hectáreas no Chan da Cruz, no que ademais dun estadio máis grande que o de Balaídos din que queren facer concertos e meter zona de restauración e xerar e xerar. Ben pois todo iso que buscan xerar pódese facer perfectamente sen ocupar e destruír máis territorio", polo que seguirán pelexando nas institucións e nos xulgados.

Oito hectáreas de frondosas e acuíferos baixo ameaza

O monte de Tameiga que procura o Celta para o seu macroproxecto deportivo ten, ao igual que os terreos xa ocupados por tres campos de fútbol e instalacións afíns no monte de Pereiras, unha gran riqueza hídrica.

"O máis valioso que ten o monte son os acuíferos e os pozos que se fixeron hai 40 anos para a recollida da auga de chuvia, é das primeiras que fai encher os depósitos. Goza dunha capa vexetal que fai como de esponxa, e en canto chove, filtra e vai todo aos mananciais. De aí recóllese e sae toda a auga que se manda á zona de Puxeiros".

Os acuíferos da zona que aínda non tocaron garante o consumo a miles de familias, di Gonzalo Pérez, "mais onde actuaron e selaron mananciais xa nos consta que hai secas nalgúns pozos", polo que advirte de problemas máis graves de cara ao futuro.