Os 'David' de Coirós e Paderne venceron o 'Goliat' de Unión Fenosa

Remitida por Francisco Maceira

A xustiza condenou a empresa eléctrica por talar milleiros de árbores sen consentemento d@s propietari@s coa desculpa de manter a rede eléctrica. @s veciñ@s cren que pode servir de exemplo.

Milleiros de árbores taladas en montes de Coirós e Ourovello (Paderne) coa desculpa de que había que ampliar a franxa de servidume baixo as súas liñas eléctricas. Centos de carballos, eucaliptos, castiñeiros, piñeiros ou amieiros cortados por decisión unilateral de Unión Fenosa en fincas pariculares deses montes sen permiso dos seus propietarios. Foi hai catro anos, en 2010, e a veciñanza revoltouse contra o que entenderon como unha agresión en toda regra. A Audiencia provincial da Coruña veu darlles a razón, condenando a Gas Natural a pagar máis de 64.000 euros en concepto de “danos e prexuízos”, unha cantidade á que hai que acrescentar os intereses. A xustiza, nunha sentenza ditada o pasado mes de maio, entende que a empresa hidroeléctrica fixo “unha corta unilateral de forma extralimitada e invadindo propiedades privadas”.

Lamentan que as súas protestas e denuncias ante a Consellería non fosen atendidas e que tivo que ser a xustiza quen lles dea a razón

Estes veciños e veciñas lembran como o que “empezou como traballos para limpar” o monte derivaron nunha “desfeita: arrasaron con todo o que se lles puxo por diante. Non respectaron nin flora, nin fauna, nin ríos, nin restos arqueolóxicos...”.

A Xunta, “nin caso nos fixo”

A veciñanza afectada botou, afirman, meses denunciando eses feitos perante a compañía, os concellos ou a propia Xunta de Galiza. “Puxéronse de parte dos poderosos”. Engaden: “A ningún veciño de Ourovello ou Coirós nos regalaron o monte, costou suor e sangue”.

Lembra como en setembro de 2010 “cuadrillas de madeiristas entraron a saco” en fincas e plantacións para talar árbores nos citados montes. Unha actuación que, apuntan, tamén se deu noutros concellos desta comarca de Betanzos. Agora, queren que se coñeza a decisión xudicial: “Non todos os días se lle gaña un xuízo a un poderoso tran grande”, lembraba esta segunda feira un dos veciños.