Veciñanza e axentes forestais denuncian a falla de medios para loitar contra o lume no Courel

Veciñanza do Courel tentando apagar os lumes. (Foto: Óscar Carrete)

Folgoso do Courel converteuse nos últimos días na zona do cero dos incendios forestais na Galiza. Segundo os propios datos achegados pola Consellaría de Medio Rural, xa van máis de 1.900 hectáreas arrasadas a última hora de onte, manténdose os lumes aínda sen control.

O foco incendiario que máis preocupa atópase na parroquia de Seceda, iniciouse as 1,40 horas da sexta feira, e segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de 1.100 hectáreas. O lume está próximo ao núcleo de Gamiz, na parroquia de Santalla, no limítrofe concello de Samos e nel traballan medios propios da Xunta da Galiza e da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A alerta segue tamén decretada nun incendio da parroquia de Vilamor, en Folgoso, onde as chamas están preto do núcleo de Carballal. Este incendio empezou ás 20,42 horas da quinta feira e mantense en 300 hectáreas queimadas, segundo as estimacións provisionais do Goberno galego.

O terceiro lume no Courel permanece activo en Vilamor. As lapas comezaron as 20,25 horas deste quinta feira e levan arrasadas, atendendo ás previsións da Xunta, unha superficie de 500 hectáreas.

Axentes forestais

O malestar é evidente entre os membros das brigadas contra os lumes e os axentes forestais que están loitando contra o lume neste concello. Segundo sinala a Nós Diario un membro das brigadas forestais, “a falla de medios é evidente e tamén o de efectivos”.

“Con tampouco xente é imposíbel facerlle fronte a estes incendios”, continúa o axente forestal, quen significa que “estamos traballando de sol a sol cunhas xornadas para nós descoñecidas e aínda así non nos resulta posíbel parar isto”.

O axente forestal recoñece que “neste momento hai lumes en moitas partes e iso dificulta concentrar aquí todos os efectivos pero si isto non se amplían vai ser imposíbel facer fronte ao lume”.

A veciñanza conectada por Nós Diario sinala que “non lembran ningún incendio igual no municipio”. “Mira que ardeu en 2018”, sinala unha veciña que quere gardar a súa identidade”, “pero aquilo era unha broma en comparación con isto”.

A veciñanza

“Téñenos abandonados”, recalca esta veciña, quen reclama “máis medios para pór freo a esta desfeita que non só afecta ao monte senón que chega a carón das casas e tal como está a cousa pode provocar unha desgraza” 

O voceiro municipal de C@aurel Vivo, coalición de electores con presenza na corporación, considera que o grande alcance dos incendios está motivado pola falla de medios para loitar contra os lumes. Neste sentido, pronúnciase  Óscar Carrete quen crítica en declaracións a Nós Diario  de “poucos medios para combater os lumes e nada de políticas de prevención”.

Óscar Carrete destaca que “somos un paraxe único, con moito masa forestal e un pulmón de biodiversidade ecolóxico , con moita marca de xeoparque, pero estamos a cola en dotación de servizos contra os incendios”

“Estamos agradecidos da resposta da xente que nalgúns casos cortou unhas xestas e tentou paliar a falta de medios”, continúa Carrete, quen denuncia que “a mellor maneira de parar un lume e detéctalo precozmente, e se están os medios con base na outra punta do distrito, cando chegan o lume pasou hora e media ou dúas no mellor dos casos”

Carrete advirte que “non poden ter o Courel sen brigadas como as teñen. Sen brigadas de apoio de cinco meses, nin motobomba da Xunta de Galicia e débense facer máis puntos de auga porque sen auga non se apaga un lume”. Neste sentido, refírese a falla de auga que impediu unha maior eficacia no funcionamento das motobombas e das cisternas.

C@urel Vivo

O voceiro de C@urel Vivo explica a Nós Diario que as queixas pola ausencia dun operativo axeitado para combater os lumes forestais veñen de vello. Neste sentido, lembra que “xa en xullo  do ano pasado presentamos unha moción na que solicitabamos  que se asignase unha Brigada de Extinción de todo o ano ao Courel”.

Carrete lembra que “naquela altura reclamamos tamén desde a Xunta de Galiza, o Concello, a Confederación e falando coa veciñanza se tente dotar dun pozo de carga a cada aldea nas que se dean as condicións para usar con motobomba , helicóptero”.

O concelleiro de C@urel Vivo considera que algunhas das eivas que provocaron esta situación gardan semellanza coas denunciadas hai un ano. Nese sentido, crítica que “a desorganización, fai  que chegar a un lume do Courel, pódelle levar a unha brigada de reforzo, entre unha e dúas horas” así como que “non temos unha Brigada con base no Courel mentres  debería haber, cando menos, dúas brigadas verdes todo o ano”.