A veciñanza de Avión exixe solucións á suba "abusiva" dos impostos do catastro

Unhas 300 persoas participaron na protesta de Avión. (Foto: Nós Diario)
Denuncia que responde a un plan urbanístico do 'boom' da construción.

Perto de 300 veciñas e veciños de Avión, una cifra superior ao 17% da poboación deste concello, manifestáronse esta quinta feira ás portas do Consistorio para demandar unha solución á suba das taxas do catastro, que nalgúns casos, por exemplo de fincas rústicas que pasan a ser urbanas, supoñen un verdadeiro buraco nas economías familiares. A plataforma veciñal creada á raíz do ascenso do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) sinala o plan urbanístico que data "de 2006 ou 2007" como un dos responsábeis deste incremento das contías a pagar polas propietarias de bens.

A veciñanza reclama "un trato xusto" por parte do catastro pola nova valoración das propiedades. O presidente da comunidade de montes veciñais da parroquia de Amiudal, José Carlos Barros, afirmou que a suba dos prezos está vinculada ao Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de hai máis de dez anos. Atendendo a esta normativa, "moitas fincas" cambiaron o seu estado sen ter ningún servizo a maiores multiplicando até por "1.745%" o valor que tiñan, co consecuente aumento das taxas. 

A plataforma creada por parte da cidadanía afectada abunda nese discurso da "revalorización" que non responde á realidade. "Son cobros abusivos", din, respecto das sumas que se demandan, mais entenden que o Concello non quere axudar porque o "catastrazo" tamén implicará a chegada de fondos para compensar "as débedas municipais".

Supostamente están perto dos dous millóns de euros, por cuestións tan dispares coma o "pago dunha piscina que ía asumir a responsábel dun parque eólico, que ao final reclamou o diñeiro porque non se cumpriu o contrato". 

En todo caso rexeitan que o incremento impositivo se apoie no PXOM feito na época do boom inmobiliario. "Está desfasado e habería que facer un novo ou emendar o que temos", resume. 

Mentres o alcalde da vila, o popular Antonio Montero, escudábase esta cuarta feira en que houbo un ofrecemento para "reducir as cantidades" que irían parar ás arcas municipais. Desde o punto de vista do colectivo iso non foi máis que "un pequeno truco ao dicir que rebaixan do 0,6 ao 0,5% o factor polo que se multiplica pero de nada vale porque van cobrar por algo polo que antes non se cobraba" como son determinados terreos que até o de agora tiñan moito menos valor. 

O grupo da oposición de CxG demanda que polo menos se reduza ao 0,4% e que as fincas cun valor de até 10.000 euros queden exentas mentres procuran solucións.