Ve a luz '12 leiras', o documental sobre a creación do polígono de Sabón

Unha secuencia do documental 12 leiras, con Xosé Antón Bocixa

O libro e documental sobre as expropiacións, 12 leiras e Sabón, para a creación do Polígono de Sabón (Arteixo) presentarase este sábado 5 de outubro, ás 19 horas, no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.

A veciñanza de Sabón lembra a creación do polígono industrial co documental 12 leiras e o libro Sabón, de estrea no Centro Cívico e Cultural de Arteixo o sábado 5 de outubro ás 19 horas. O realizador Xosé Antón Bocixa e o escritor e historiador Xabier Maceiras botan a andar este duplo proxecto sobre a creación do recinto industrial de Sabón, coa participación de TingaLaranga Comunicación audiovisual, A. C. Monte da Estrela (Arteixo) e Nós Televisión.

12 Leiras é “un proxecto audiovisual co que se pretende lembrar e reivindicar que os terreos que hoxe ocupan o polígono Industrial de Sabón (Arteixo 1965-1973) foran, até os anos sesenta do pasado século XX, unha das principais despensas da cidade da Coruña, terreos nos que ducias e ducias de persoas gañaban o seu pan grazas ás colleitas que posteriormente vendían na cidade”, afirman desde a realización.

Centrado nas vivencias dos seus testemuños, na memoria colectiva das súas protagonistas, o documental narra a historia máis recente desta zona de Arteixo e denuncia as expropiacións sufridas pola veciñanza durante a ditadura franquista, a impotencia de ver o fogar destruído e o traballo roubado. 

O proceso de construción do polígono e de expropiación foi unha “operación que duraría varios anos e que cambiaría para sempre a fisionomía de lugares como Rañobre, O Rexedoiro, Oseiro, O Seixedo, A Groufa, Sabón, A Pedreira, O Rañal, Figueiroa, O Potro, Caldas, O Cruce ou a vila de Arteixo, lugares onde se expropiarían máis de 1.600 fincas rústicas e unhas 70 vivendas”, engaden. E é que os terreos que hoxe fan o Polígono Industrial de Sabón eran, até 1965, unha contorna “absolutamente rural”, remarcan. Lembranza que comeza precisamente co título do proxecto, 12 leiras, o cal fai referencia ás fincas que lles foron expropiadas aos avós do propio Xabier Maceiras. 

O documental vai acompañado do libro Sabón que completa a historia polo miúdo da transformación "dunha despensa alimentaria da Coruña, da xente que vivía do agro, en zona industrial ateigada de multinacionais".

Deste modo, con este duplo proxecto procúrase “deixar constancia do sufrimento vivido por ducias de persoas que foron mártires dos chamados Polos de Desarrollo Industria”, coa finalidade de que non caia no esquecemento esta parte da historia máis recente. Así, a propia veciñanza “recupera na memoria un roubo, un saqueo do réxime ditatorial franquista”.

As persoas interesadas en asistir ao evento deberán recoller o convite no propio Centro Cívico Cultural de Arteixo, dispoñíbeis até completar aforo. Ademais, o libro e o documental tamén se poderá mercar para axudar a edición de Xabier Maceiras.