Veciñanza de Amil alerta da chegada de camións de gran tonelaxe ao polígono eólico Acibal, paralizado polo TSXG
O proxecto, promovido por Norvento, atópase paralizado desde maio de 2024, após o achado de restos arqueolóxicos na zona.
Na mañá desta segunda feira, veciñanza de Amil (Moraña, comarca de Caldas) alertou sobre a “irrupción” de varios camións de gran tonelaxe, con matrículas de Polonia e Portugal e o logo da empresa Vestas, que se dirixían ás obras do parque eólico do monte Acibal. Este proxecto, promovido por Norvento, atópase paralizado por orde do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desde maio de 2024, tras o achado de restos arqueolóxicos na zona.
A comunidade veciñal, que xa denunciou en repetidas ocasións neste último ano a entrada de maquinaria pesada a pesar da orde de paralización, reaccionou de inmediato. “Grazas á súa presión e á presenza da Policía Local de Moraña, conseguiuse que non se producira o acceso dos camións ao polígono eólico”, confirman nun comunicado.
Posteriormente, os vehículos foron vistos abandonando a zona pola pista que descende do monte Acibal cara a Barro (comarca de Pontevedra), unha vía na que está prohibido o tránsito de vehículos de gran tonelaxe.
Este incidente incrementa as preocupacións da veciñanza, que teme que estas entradas de maquinaria pesada se estean producindo “de forma impune e clandestina”, incumprindo a orde de paralización ditada polo TSXG.
Os residentes esixen unha maior vixilancia por parte das autoridades para garantir o cumprimento efectivo da resolución xudicial e evitar novas irregularidades no monte Acibal. A situación actual reflicte unha “problemática máis ampla” na Galiza, onde máis de 60 proxectos de parques eólicos están paralizados debido a decisións xudiciais e protestas sociais relacionadas co impacto ambiental e patrimonial.