Veciñ@s de Guitiriz alegan contra as multas recibidas por protestar diante da casa do alcalde

Reciben sancións da Delegación do Goberno español de até 200 euros por mobilizarse contra a apertura ao tráfico dunha rúa peonil.  O BNG saíu en defensa dos e das multad@s

 

Veciñ@s de Guitiriz acudiron hoxe á subdelegación do Goberno en Lugo para presentar alegacións contra as sancións administrativas que recibiron por participar nunha concentración -que declaran “ilegal”- diante da casa do alcalde da localidade, Xosé María Teixido, do PP. Estes feitos teñen lugar en medio dunha intensa xeira de multas cara distintos participantes en protestas, ben contra despexos, folgas, manifestacións polas preferentes ou conflitos veciñais, como neste caso. 

O BNG cualifica os castigos de “desproporcionados” e apoiou ás e aos multad@s -por cantidades que chegan aos 200 euros- que hai tres semanas formaron parte dunha mobilización diante da casa do rexedor para protestar pola reapertura ao tráfico da Rúa do Mercado, que amplos sectores da poboación desexa que se manteña peonil. 

Naquela convocatoria participaron decenas de persoas, que fixeron soar buguinas, cruzaron a rúa e lanzaron varias consignas contra a decisión do alcalde. Por iso foron sancionad@s.