Ve a luz a guía galega para intervir en espazos públicos

O paseo do río Mao, no municipio de Ribeira de Sil, é incluído na guía como exemplo de boa intervención na paisaxe (Imaxe: Turismo da Galiza).

As súas autoras advirten do "empobrecemento paisaxístico" froito das intervencións "vertixinosas" no espazo público das últimas décadas.

 

A sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectas da Galiza (COAG) acolleu onte a presentación da Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos, redactada polo Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, baixo a coordinación do Instituto de Estudos do Territorio.

A guía acrecenta a serie de publicacións da Colección Paisaxe Galega, que ofrecen recomendacións e directrices para intervir en espazos rurais, urbanos ou mesmo unha guía de cores para as fachadas das vivendas.  Na súa presentación, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, valorouna como unha ferramenta para ofrecer criterios de referencia á hora de intervir nos espazos públicos.

Respectar o patrimonio

A guía incide no seu prólogo na importancia de analizar non só as características propiamente físicas dun espazo antes de intervir nel, senón tamén os valores culturais da sociedade que o ocupou ao longo da historia e que o habita no presente.

"O espazo público é o elemento que vertebra e caracteriza cada cidade ou vila. É o lugar no que se reúnen tódolos estratos sociais, igualador de posibilidades e experiencias", explican as súas autoras nun dos primeiros capítulos da guía.

Nas últimas décadas, engaden, a paisaxe foi modificada a un "ritmo vertixinoso" grazas a un rápido desenvolvemento tecnolóxico. Porén, advirte o equipo redactor, os cambios "non supuxeron unha mellora na calidade da paisaxe, senón máis ben o contrario, resultando nun serio empobrecemento paisaxístico e na perda da esencia e identidade das paisaxes".

Así, as autoras critican as intervencións nas que se recorre a solucións "estandarizadas" e de baixa calidade que "homoxeneizan" as paisaxes rurais, urbanas e naturais. 

Análise de espazos

A segunda parte da guía analiza un total de cincuenta espazos galegos nos que se considera que se levou a cabo unha boa intervención na paisaxe. Entre eles analízanse o paseo da praia das Catedrais, en Ribadeo; os xardíns de Méndez Núñez da Coruña; o paseo do porto de Malpica, o campo da feira de Noia, a senda fluvial do Sarela en Compostela ou o camiño de pasarelas do río Mao, no municipio de Parada de Sil.