Ve-la luz saca ás rúas zapatos vermellos contra a violencia machista

A asociación desenvolve unha acción coa que dar visibilidade á violencia contra as mulleres colocando 200 zapatos perante o Parlamento e a Catedral.

 

A asociación contra a violencia machista, Ve-la luz, está a desenvolver esta cuarta feira (8 de xullo) unha acción na capital da Galiza coa que dar visibilidade ás mulleres asasinadas nos últimos anos. 

Neste senso, as activistas colocaron nas dúas beirarrúas que lindan co Pazo do Hórreo até 200 zapatos de cor vermella acompañados de cartaces nos que se poden ler o número de feminicidios e agresións machistas rexistradas. 

A campaña 'Zapatos vermellos contra a violencia de xénero' extenderase ao longo da xornada e, pola tarde, despregarase na Praza do Obradoiro. Ve-la luz quixo representar através do zapato como "prenda testemuñal" o "asasinato dunha muller e/ou menor vítima" de violencia machista "así como o rexeitamento a este tipo de actos". 

Esta acción foi desenvolvida após o crime machista acontecido en Arbo no que foron asasinadas Beatriz Rodríguez Mariño e Sergio Rodríguez. Segundo o xulgado de instrución nº3 de Ponteareas, que investiga o feminicidio, trátase do segundo asasinato machista no que vai de 2015 na Galiza. 

A ex-parella de Beatriz Rodríguez, A.D., foi detido e atópase en prisión incondicional sen fianza á espera do xuízo.