Ve a luz en Bergantiños un plan de desenvolvemento comarcal sostíbel e alternativo á mina de Corcoesto

[Imaxe: Maia]

Salvemos Cabana levará o proxecto á deputación da Coruña na primeira semana de xuño nunha rolda de conversas que continuarán cos concellos da comarca e, finalmente, a Xunta de Galiza. Na consellaría de Economía presentaranse esta segunda feira 23.000 sinaturas contra a mina


A plataforma veciñal Salvemos Cabana presentará na primeira semana de xuño un plan comarcal de desenvolvemento sostíbel alternativo ao proxecto mineiro de Corcoesto. Pensado para os vindeiros catro anos, as medidas nel contempladas apuntan cara a un dobre propósito: dunha banda a consolidación do sector primario a través da produción orgánica e, da outra, un impulso decidido ao turismo de calidade como elementos xeradores de emprego e benestar social.

Así as cousas, o plan buscará fomentar unha actividade económica sostible, contínua e diversificada, implicando ao sector agrícola e agroalimentario, gandeiro, forestal, pesqueiro e marisqueiro e turístico e impulsando a creación e o sostemento da renda económica na Bisbarra de Bergantiños, amparado baixo o marco normativo xenérico da Lei 45/2007 do 13 de decembro, para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, a 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, o Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014, e o Real Decreto 705/2010 do 4 de xuño.

Evitar o despoboamento e xerar emprego

Como xa adiantaran, o obxectivo fundamental é ofrecer unha alternativa viable ao proxecto da mina de Corcoesto, que a empresa Mineira de Corcoesto S.L. / Edgewater pretende instalar entre os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, e que en datas recentes coñecemos que podería chegar a ampliarse en tarefas de exploración e investigación mineira a Malpica de Bergantiños e mesmo a Carballo. 

Fronte a esta situación "de incerteza máis ou menos postergada no tempo", esperamos que a nosa proposta a través do Plan Comarcal de Desenvolvemento Sostible 2013-2017 poida ser de utilidade para frear o despoboamento do rural, en especial o que afecta ás mulleres e á mocidade, e sirva para mellorar as condicións de vida no lugar "a través do desenvolvemento socioeconómico das enormes potencialidades que presenta a nosa zona" e até paliando os altos niveis de paro tanto na Costa da Morte como na Bisbarra de Bergantiños. 

23.000 sinaturas contra a mina

Para alén do devandito plan, esta segunda feira entregaránse 23.000 sinaturas perante a consellaría de Industria e o Parlamento de Galicia para deixar constancia da "masiva" oposición social a un plan mineiro fomentado dende a Xunta e "que pode condenar primeiro á Bisbarra de Bergantiños e logo ao resto de Galiza a padecementos socioeconómicos e ambientais inéditos ata o de agora". 

Para se adiantaren "a calquera controversia que poida ser creada dende o ámbito favorable á empresa", a canadense Edgewater, que promove a instalación da mina a ceo aberto en Corcoesto, Salvemos Cabana explica que as máis de 23.000 adhesións recollidas están coordinadas dende change.org teñen plena validez a nivel público dado que o sistema informático que a xestiona está protexido contra calquera tipo de fraude, como a dobre firma ou a inclusión de correos electrónicos falsos.

Por derradeiro, acrecentan que oficialmente a nivel estatal as únicas recollidas de firmas que son vinculantes e con validez legal, son as que se recollen en número de 500.000 para as iniciativas lexislativas populares (ILP), as cales haberán de recollerse ben mediante firma dixital verificada (DI Electrónico) ou mediante fedatarios especiais designados pola comisión promotora da devandita recollida mediante declaración xurada polo artigo 10 da Lei 3/1984. Calquera outra variante é un termómetro da vontade cidadá nun determinado tema no que é totalmente irrelevante a inclusión de datos persoais como o estado civil ou o documento de identidade.